A delegada territorial da Xunta en Ferrol visitou aos participantes desta proposta que se leva a cabo no hotel A Roda, en Meirás

Martina Aneiros anima a coñecer a riqueza natural de Ferrolterra a través do minicampamento ‘Valdoviño Mariño IV’

Unha vintena de rapazas e rapaces participan esta semana na primeira quenda deste minicampamento que oferta actividades náuticas como o surf, paddle surf, caiac ou body board, entre outras

Valdoviño (A Coruña), 4 de xullo de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Valdoviño, Alberto González, visitou esta mañá no hotel A Roda, de Meirás, ás 20 nenas e nenos que participan esta semana na primeira quenda do minicampamento Valdoviño Mariño IV dentro do programa Coñece Galicia, unha iniciativa coa que a Xunta de Galicia financia estadías de cinco días, de luns a venres, en aloxamentos turísticos para nenos de entre 9 e 14 anos.

“Trátase dunha iniciativa lúdico formativa que sirve para apoiar a adquisición de competencias e habilidades por parte dos mozos e mozas, neste caso, vinculadas aos deportes e actividades acuáticas, á vez que se fomenta o coñecemento da riqueza natural e patrimonial do noso territorio, o coidado polo medio ambiente e o ocio lúdico”, resaltou Aneiros.

Os participantes en Valdoviño Mariño IV gozan de actividades náuticas como o surf, paddle surf, caiac, body board... así como outras propostas deportivas como o sendeirismo ou o fútbol praia. A desta semana é a primeira das tres quendas previstas neste minicampamento (a segunda celebrarase do 15 ao 19 de xullo e a terceira do 26 ao 30 de agosto). Habilitáronse un total de 20 prazas por quenda que xa están cubertas. 

A delegada territorial aproveitou a ocasión para poñer en valor a calidade da programación de verán que se ten feito desde a Xunta de Galicia e animou ás familias a que coñezan a oferta completa da campaña O teu mellor verán que axunta, ademais das propostas de minicampamentos, campos de voluntariado, oferta para entidades ou grupos xuvenís, campamentos en Galicia e noutras comunidades e un novo programa para maiores de 18 anos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/07/2024