A conselleira María José Gómez participa hoxe na Conferencia Sectorial convocada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, celebrada en Pamplona

Medio Rural valora a modificación do PEPAC como insuficiente para Galicia e insta ao Ministerio de Agricultura a responder ás necesidades do campo galego

A titular da Consellería asegurou que o voto a favor desta flexibilización é para evitar trasladar inseguridades ao sector primario da nosa comunidade

Reiterou a necesidade de adaptar cuestións como son os ecorréximes ao territorio galego, posto que a maior parte dos actuais non son aplicables ao día a día dos gandeiros e agricultores galegos

Ademais, trasladou ao ministerio a necesidade de atallar o problema coa remuda xeracional no agro e de levar a cabo unha reforma no sistema de seguros agrarios, ampliando o cofinanciamento estatal para o ámbito gandeiro

 

Pamplona, 4 de xullo de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, participa hoxe na Conferencia Sectorial convocada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación coas comunidades autónomas en Pamplona, onde se aprobou a modificación do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC). A titular de Medio Rural valorou esta flexibilización como insuficiente e instou ao Ministerio a responder ás demandas do campo galego.

María José Gómez insistiu en que esta modificación do PEPAC non dá resposta ás reclamacións do agro nin ás condicións específicas do territorio na cornixa cantábrica. No caso concreto de Galicia, reiterou que é preciso adaptar cuestións como os ecorréximes, como se vén demandando desde fai tempo, posto que a maior parte dos actuais non son aplicables ao día a día dos gandeiros e agricultores. De feito, Galicia plantexou outras prácticas específicas como o fomento do pastoreo con vacún de aptitude cárnica, ovino, caprino e mesmo equino; ou a aposta polos cultivos tradicionais de inverno como o grelo.

Así mesmo, tamén lembrou todas as solicitudes de flexibilización enviadas polo Goberno galego de cara ás Boas Condicións Agrarias e Medioambientais (BCAM), nas que só se atendeu a de permitir rotar ou diversificar o cultivo, cando inicialmente se obrigaba a facer as dúas cuestións.

A titular de Medio Rural lamentou que non se tivesen en conta moitas das demandas trasladadas pola Xunta para a modificación desta PEPAC, ou se modificasen parcialmente, xa que se segue mantendo unha planificación que non se adapta ao territorio galego polo seu minifundismo e a súa orografía, circunstancias que comparte co resto de comunidades da cornixa cantábrica. En todo caso, a aprobación da modificación de hoxe, sinalou, atende ao obxectivo de evitar inseguridades aos agricultores e gandeiros da cara á próxima campaña.

Remuda xeracional

Outra das cuestións tratadas nesta Conferencia Sectorial de Agricultura, Desenvolvemento Rural e Pesca é a remuda xeracional. A conselleira do Medio Rural destacou a importancia de revalorizar e visibilizar na sociedade as profesións vinculadas ao agro, especialmente en Galicia polo peso económico deste eido produtivo.

Nesta liña, sinalou que a formación, a rendibilidade das explotacións e a calidade de vida son factores clave para que a xente moza decida incorporarse, destacando a maiores a liquidez e a disposición de base territorial sobre a que traballar.

Sobre isto, a conselleira resaltou as axudas coas que conta o Goberno galego para a incorporación de mozos ao agro, que beneficiaron xa a en torno a 5.000 persoas cun investimento de algo máis de 165 millóns de euros. Ademais, en relación coa base territorial, puxo en valor os instrumentos recollidos na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que permiten ampliar esa superficie a través de terreos actualmente infrautilizados ou en estado de abandono, e lembrou tamén a posta en marcha, neste mesmo ano, do Banco de Explotacións.

Reforma do sistema de seguros agrarios

Por último, outro dos temas tratados nesta xuntanza foi a reforma dos seguros agrarios. Neste senso, a conselleira trasladou a petición ao Ministerio para que incremente a súa participación de subvención, xa que no conxunto de España sitúase case no 40%, pero en Galicia baixa ao 29,9%. Por iso, engadiu, é necesario un cambio no sistema de seguros agrarios, ampliando especialmente este cofinanciamento para o ámbito gandeiro.

Sobre esta cuestión, a titular de Medio Rural resaltou que a Xunta de Galicia segue a traballar para favorecer a contratación destes seguros dentro do sector, destinando neste mesmo ano 8,5 millóns de euros para esta tarefa, cifra que supón case o dobre do investimento realizado no 2017.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/07/2024