A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou hoxe no acto de constitución deste foro

Lorenzana destaca o papel do novo Consello Galego de Seguridade Industrial para facilitar a actividade empresarial e lograr unha maior interlocución coas empresas

A conselleira subliñou que a creación deste órgano permitirá resolver as problemáticas actuais no menor tempo posible

Será unha ferramenta máis para avanzar na solvencia, atracción e competitividade de Galicia a través da súa industria

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou hoxe o papel do Consello Galego de Seguridade Empresarial como un foro para facilitar a actividade empresarial e potenciar a seguridade industrial.

Lorenzana asistiu hoxe ao acto de constitución deste novo órgano, un compromiso dos primeiros 100 días de goberno, onde explicou que “se trata de ter unha maior interlocución coas empresas, os colexios e coas asociacións para coñecer as problemáticas actuais e ser prácticos nas solucións”.

A creación deste Consello supón avanzar e dar un paso máis no compromiso da Xunta coa seguridade industrial. Hai que lembrar que o Goberno galego aprobou xa un programa extraordinario de medidas para este ano que reforza as actuacións anuais recollidas no plan de inspección ordinario. 

O plan extraordinario permitirá colaborar coas empresas e cos traballadores e traballadoras na detección de posibles incidencias que poidan supoñer algún risco e fortalecer a seguridade industrial na Comunidade Autónoma. “Trátase de resolver problemas e de resolvelos no menor tempo posible dentro dos prazos que nos ofrece a lexislación”, sinalou a conselleira.

Este novo órgano será unha ferramenta máis para avanzar na solvencia, atracción e competitividade de Galicia a través da súa industria, pois investir en seguridade industrial é sinónimo de protexer ás persoas e ao medio ambiente, minimizar riscos de sinistros e mellorar a eficiencia e operativa das empresas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/07/2024