O Centro Dramático Galego participa no Tirol nun encontro de creación de teatro comunitario no marco do proxecto europeo ‘Phōnē’

A cidade de Bruneck acolle este encontro ata o domingo 7 de xullo coa presenza dunha representación galega de actores e actrices de teatro afeccionado

O obxectivo é promover a diversidade lingüística e cultural de Europa a través da escena

O sábado 6 de xullo retransmitirase en liña o espectáculo resultante da estadía

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2024

O Centro Dramático Galego, unidade de produción teatral da Xunta de Galicia, continúa a súa participación no proxecto europeo Phōnē, no que estruturas teatrais de oito países desenvolven varias iniciativas conxuntas para a posta en valor de linguas minoritarias a través das artes escénicas. Desde comezos desta semana e ata o vindeiro domingo 7 de xullo, a cidade de Bruneck, no Tirol do Sur (Italia) acolle un encontro creativo de teatro comunitario coa participación dos oito socios europeos implicados na iniciativa.

Así, durante esta semana de traballo, xúntanse na rexión alpina 40 persoas seleccionadas dos espectáculos de teatro amador baixo a dirección de Andrew Siddall, profesor na Universidade Metropolitana de Londres, creador e deseñador de produción que traballa en eventos artísticos en directo, teatro, instalacións e espectáculos ao aire libre. En representación de Galicia asisten Pablo Fernandez Bello, Lucía González Carballás, Antonio Vázquez Turnes e Reyes López, pertencentes a diferentes grupos da Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea) e que xa actuaron no espectáculo O corazón na boca, coproducido polo Centro Dramático Galego tamén no marco do proxecto Phōnē e baixo a dirección de Rafa Rey, da compañía Nauta Teatro.

O Centro Dramático Galego comparte deste xeito a experiencia con outros sete teatros, como son o Fryske Toaniel Stifting Tryater (Países Baixos), Deutsch-Sorbisches Volkstheater Bautzen (Alemaña), Teatrul Evreiesc de Stat (Romanía), Stadttheater Bruneck (Italia), Fibin Teo (Irlanda), Teatr Piba (Bretaña/Francia) e Kvääniteatteri (Noruega). Así, xunto co idioma galego, están representados na iniciativa o frisón, o alto e o baixo sorobio, o yiddish, o ladino, o gaélico, o bretón e o kven.

O espectáculo que resulte desta semana de creación de teatro comunitario poderase ver o sábado 6 de xullo ás 20,00 h. a través dunha retransmisión en liña na web https://phone.rml-theatre.eu/

Phōnē e a proxección do teatro galego no exterior

O proxecto Phōnē. Dándolles ás linguas minorizadas unha voz, do programa Europa Creativa, supón a primeira gran colaboración internacional de teatros públicos e privados traballando polas linguas. O obxectivo é contribuír á salvagarda da diversidade cultural e lingüística de Europa, conectando profesionais e públicos que pertencen a comunidades con linguas propias, proporcionándolles unha plataforma para a súa expansión e intercambio. Ademais, estáselle a prestar especial atención á participación da xuventude e á transmisión de coñecemento entre distintas xeracións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/07/2024