O Bono Turístico da Xunta arranca a bo ritmo con preto da metade dos bonos descargados nas primeiras horas

Ata media mañá de hoxe xa se descargaron case 8.000 dos máis de 16.000 que este ano se poñen en circulación por un valor de 150€ e cofinanciados pola Xunta

As persoas interesadas poden facerse con el a través da páxina bonoturismo.gal e como novidade, poden descargar ata dous bonos

O prazo para que se adhiran as empresas tamén continúa aberto e polo de agora a cifra de axencias e establecementos de aloxamento supera as 200

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2024

A nova campaña do Bono Turístico da Xunta arranca a moi bo ritmo, cun centenar de bonos turísticos emitidos por minuto nas primeiras horas e cun balance de preto da metade dos bonos descargados a media mañá de hoxe. O prazo para as descargas comezou ás 9,00 horas e ata o medio día descargáronse preto de 8.000 bonos, dos máis de 16.000 que están dispoñibles para a súa descarga.

Os usuarios que desexen facerse cun bono turístico da Xunta pódeno facer a través da páxina web www.bonoturismo.gal. Son bonos en formato código QR cun importe de 150€, cofinanciados nun 40% pola Xunta de Galicia en nun 60% polas persoas que o soliciten (os particulares abonarán, polo tanto, 90€ para contar cun bono por valor de 150€). Como novidade, cada usuario poderá descargar este ano ata dous bonos, polo que poderá contar cun investimento de ata 300€ para gozar dunha estadía o vindeiro outono nalgún dos establecementos que se adhiran. Os beneficiarios poderán empregar os seus bonos desde o 10 de setembro ata o 25 de decembro de 2024, ambos incluídos.

Tamén está aberto o prazo para que as empresas se adhiran. Neste sentido, a día de hoxe xa forman parte da campaña deste ano máis de 200 empresas, entre establecementos de aloxamento e axencias. O prazo de adhesión de establecementos continuará aberto ata o 2 de decembro. Poderán facelo tamén a través da páxina web www.bonoturismo.gal.

Fóra de temporada

A iniciativa -que naceu no contexto da pandemia para dinamizar o consumo turístico e inxectar liquidez ás empresas do tecido turístico galego- está consolidándose como una proposta que impulsa a actividade fóra de temporada alta e contribúe a apoiar o sector. 

Nestes catro anos puxéronse en circulación máis de 47.000 bonos turísticos e mobilizáronse máis de 14M€: deles, durante a pandemia foron máis de 10M€ (5M€ co bono turístico sociosanitario e 5,8M€ no ano 2021), aos que se suman os 3M€ nos últimos dous anos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/07/2024