A Xunta destaca o lanzamento da VI edición do Bono Activa Comercio para o vindeiro outono co obxectivo de seguir impulsando o comercio de proximidade

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, respondeu na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo a unha pregunta sobre esta campaña

Destacou as excelentes cifras que afianzan o éxito da convocatoria, que na V edición se saldou con máis de 6.800 comercios adheridos, preto de 300.000 bonos descargados e 12 M de euros mobilizados en compras

Fixo fincapé no compromiso da Xunta por un sector estratéxico que repercute de xeito directo na economía e no emprego locais e remarcou a importancia da escoita activa de toda a cadea de valor para a elaboración do Plan Estratéxico de Comercio

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, respondeu hoxe na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo a unha pregunta sobre o balance da última edición do programa Bono Activa Comercio, destacando o efecto multiplicador e dinamizador nas compras do comercio de proximidade que demostra esta iniciativa pioneira que a Xunta de Galicia puxo en marcha en 2021.

Gabriel Alén destacou as excelentes cifras que afianzan o éxito da convocatoria, que se saldou con máis de 6.800 comercios adheridos en toda Galicia, preto de 300.000 bonos descargados e 12 M de euros mobilizados en compras, dos que a Xunta puxo a disposición un crédito de 2,5 M de euros en descontos de ata 30 euros por persoa.

Salientou, ademais, que as boas cifras da campaña abrangueron a todas as provincias. A Coruña acumulou 40.000 bonos descargados e máis de 3,7 M euros mobilizados; Lugo rexistrou 13.900 bonos descargados e unha mobilización de 1,4 M de euros en compras; en Ourense descargáronse 17.400 bonos, mobilizando 1,7 M de euros; e finalmente Pontevedra sumou 46.700 bonos descargados e 4,5 M de euros mobilizados.

Alén destacou o papel fundamental do Bono Activa Comercio para o impulso do sector comercial, remarcando ademais que a Xunta poñerá en marcha a VI edición para o vindeiro outono, co obxectivo de seguir consolidando a iniciativa, chegar a máis comerciantes e continuar espertando o interese da cidadanía en consumir no comercio de proximidade.

Desde 2021, nas cinco edicións que levan celebrado, mobilizáronse xa 77,7 M de euros no sector comercial retallista e descargáronse 1,3 M de bonos.

Plan estratéxico de comercio

Na súa intervención, o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, fixo fincapé tamén no compromiso da Xunta por un sector estratéxico que repercute de xeito directo na economía e no emprego locais, así como na dinamización dos barrios e vilas.

Neste sentido, destacou a importancia do proceso de escoita activa de toda a cadea de valor que se está a realizar, coa celebración de xornadas en todas as provincias e comarcas galegas, de cara á elaboración do Plan Estratéxico de Comercio. O seu obxectivo será marcar a folla de ruta que garanta a competitividade do sector e permita afrontar grandes retos como a modernización do comercio, o impulso da formación, a mellora da dixitalización ou a remuda xeracional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/07/2024