A Xunta salienta a importancia dunha industria apoiada na innovación, na sustentabilidade e no talento

A directora do Igape, Covadonga Toca, inaugura o II Foro de Sustentabilidade onde avoga por impulsar o binomio dixitalización – sustentabilidade para mellorar a competitividade do tecido empresarial

Lembra que o Goberno galego activou este ano unha nova liña de axudas para desenvolver proxectos centrados nos factores ASG nas pemes, outra convocatoria do programa de apoio á transformación dixital de empresas e autónomos, ou ten en marcha unha ampla rede de aceleradoras en “ámbitos clave” da economía galega

Destaca o compromiso da Xunta co talento e a formación, materializado en programas como o Capacita Directivos, no marco do cal se desenvolve esta xornada e que ata o de agora ten permitido realizar máis de 80 actividades formativas nas que participaron máis de 18.000 asistentes

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2024

A directora do Igape, Covadonga Toca, inaugurou esta mañá o II Foro de Sustentabilidade organizado por APD en Santiago, un escenario no que destacou a importancia de seguir a traballar nunha industria que se sustente na propia sustentabilidade, na innovación e no talento para garantir o futuro.

“Non temos dúbida de que o esforzo que vimos realizando no impulso á transformación dixital, agora ten que ser un binomio dixitalización – sustentabilidade”, incidiu Toca Carús, que puxo de manifesto que, deste xeito, o tecido empresarial galego mellorará a súa competitividade de cara a afrontar os “retos decisivos” que ten por diante.

Entre estes a directora do Igape apuntou á propia aceleración da dixitalización, a promoción dun modelo enerxético sustentable, a potenciación do talento e da innovación, o impulso da economía circular ou o reforzo da internacionalización. Aspectos, afondou, nos que a Xunta vén traballando desde a cooperación público-privada promovendo distintas iniciativas.

Entre elas, Toca Carús destacou unha nova liña de axudas para desenvolver proxectos para a mellora dos factores ASG nas pemes, que conta cun orzamento dun millón de euros; outra convocatoria do programa de apoio á transformación dixital de empresas e autónomos, á que se destinaron este ano 5 millóns; ou a rede de aceleradoras en “ámbitos clave” da economía galega como a automoción (BFAuto), a alimentación (BFFood), a aeronáutica (BFAero), destacando a nova aceleradora BFClimaTech que atende á sustentabilidade ambiental como forma de garantir un crecemento sustentable a longo prazo.

“Calquera proceso de innovación e transformación tecnolóxica, á vez que nos achega á sustentabilidade, conéctanos directamente co talento. Trátase de contar con capital humano preparado para responder aos novos desafíos”, afondou a directora do Igape, quen puxo en valor  o compromiso da Xunta co talento e a formación materializado en iniciativas como a de hoxe, que se desenvolve no marco do programa Capacita Directivos.  

Este programa, explicou, inclúe a organización de encontros que buscan concienciar e promover a colaboración entre empresas, emprendedores, administracións, clústeres e centros de coñecemento. O Capacita Directivos, xa consolidado, permitiu ata o de agora realizar máis de 80 actividades formativas nas que participaron máis de 18.000 asistentes, en presencial e en liña.

Neste contexto, Toca Carús salientou tamén que o Igape ten asumido gran parte das competencias de innovación nunha gran área que persegue promover a creación de empresas innovadoras, favorecer o desenvolvemento tecnolóxico, fomentar a transferencia de coñecemento cara as empresas ou desenvolver políticas públicas que lles permitan colaborar co resto de axentes para activar proxectos innovadores.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/07/2024