A Xunta aposta pola formación como mellor medida de prevención na loita contra o branqueo de capitais

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou esta mañá na inauguración de novas edicións do congreso sobre prevención e represión do branqueo de diñeiro e de dereito penal económico, que definiu como unha cita consolidada no ámbito xurídico para clarificar e identificar os riscos desta problemática

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2024

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe na inauguración X Congreso internacional sobre prevención e represión do branqueo de diñeiro e IV Congreso da Asociación Iberoamericana de Dereito Penal Económico e da Empresa, que puxo como exemplo de espazo de debate xurídico internacional consolidado con xuristas de recoñecido prestixio co obxectivo de dar resposta á elevada demanda social, económica e científica sobre o branqueo de diñeiro, a responsabilidade criminal das persoas xurídicas e a fraude fiscal.

José Tronchoni incidiu na necesidade de que todo tipo de profesionais adquiran os coñecementos precisos para a prevención do branqueo e precisamente este congreso vai destinado a profesionais do dereito e da avogacía, economistas, asesores fiscais e directivos de empresas para que actualicen os seus coñecementos sobre o branqueo na UE, a súa incidencia no mundo dixital e a internacionalización do dereito penal. Así, sinalou que a Xunta aposta pola formación en ámbitos coma este porque “o coñecemento é a mellor prevención ante calquera risco”.

Nesta liña, lembrou que a loita contra o branqueo de capitais está presente na axenda política da UE porque afecta á estabilidade económica e política dos estados e á seguridade internacional, polo que se precisa de actualización para adaptarse a riscos emerxentes como as moedas virtuais e outras innovacións tecnolóxicas ou a globalización das organizacións terroristas, que ademais aproveitan as deficiencias do sistema.

Por iso, incidiu na importancia deste congreso para abordar procedementos e boas prácticas que contribúan a identificar e clarificar os riscos operativos e legais e fixar mecanismos internos de prevención, xestión, control e reacción cos que empresas, institucións e organizacións poidan protexerse ante situacións de risco.

Na súa intervención, o director xeral de Xustiza tamén puxo en valor o traballo do Goberno galego para adaptar a xustiza ao século XXI debido á constante actualización da normativa e aos continuos avances tecnolóxicos. Entre as medidas levadas a cabo nos últimos anos destacan a posta en marcha de novas unidades xudiciais, un importante investimento de máis de 125 millóns de euros na creación e mellora das infraestruturas xudiciais da comunidade e 43 millóns do actual Plan Senda para avanzar na dixitalización.

Data de actualización: 04/07/2024