Rueda acorda co presidente da Deputación de Pontevedra impulsar a rehabilitación do convento de Santa Clara e do Cine Fraga

Consensúan crear unha comisión de seguimento e axilizar os trámites necesarios no caso do mosteiro pontevedrés

O presidente da Xunta adianta que o próximo luns o Consello da Xunta aprobará o protocolo de compra do inmoble situado na cidade olívica por 9,3 M€, asumindo o Goberno galego o 51% do custo e a Deputación o 49%

Anuncia o inicio das obras de recuperación no Pazo de Lourizán, no que se investirán 18 M€ ata 2026

Valorou que a Administración provincial se una á reclamación conxunta para demandar a alta velocidade ferroviaria entre Galicia e o Norte de Portugal

Pontevedra, 3 de xullo de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o da Deputación de Pontevedra, Luis López, acordaron hoxe continuar impulsando a rehabilitación e recuperación do convento pontevedrés de Santa Clara e do Cine Fraga en Vigo.

Así o explicaron hoxe tras manter unha xuntanza de traballo, na que, en relación ao mosteiro pontevedrés, se acordou que a Xunta de Galicia axilice todas as cuestións relacionadas con autorizacións, permisos ou licenzas. Ambas institucións asinaron un protocolo en xaneiro para recuperar este patrimonio cultural. A previsión é investir na súa rehabilitación uns 24 millóns de euros, nos que se inclúen os 6 millóns que aporta o Goberno galego. O calendario que se manexa é que se inicien as obras a finais deste ano.

En canto ao cine situado na cidade olívica, Rueda avanzou que o próximo luns se aprobará no Consello da Xunta o protocolo de compra do inmoble, que será de 9,3 M€ financiado a dúas bandas: o 51% a Xunta e o 49% restante a Deputación. O presidente do Goberno galego apuntou que “xa se fixeron algunhas obras de reforma nos últimos anos, o cal nos permite ter traballo adiantado”. En paralelo, desde a Administración autonómica xa se está avanzando no plan de usos, para o que se contará co consenso do sector.

O titular do Executivo galego tamén aproveitou o encontro para trasladar ao presidente da institución provincial os avances na recuperación do Pazo de Lourizán para “darlle unha segunda vida”. Hoxe, nunha reunión do xurado, confirmáronse os 8 finalistas das 33 ideas que se presentaron ao concurso, que terán que presentar as súas propostas concretas a finais de setembro. A partir de aí, elixirase a proposta gañadora. Estímase que se investirán 18 M€ ata 2026 e a idea, tal e como apunto Rueda, é “iniciar as obras o vindeiro ano”.

Infraestruturas e parques empresariais

O presidente da Xunta tamén valorou que a Deputación se una á reclamación conxunta para demandar a alta velocidade ferroviaria entre Galicia e o Norte de Portugal. “Agradezo moitísimo a disposición da Deputación para impulsar con nós, xunto con outras moitas administracións e entidades, estar vixiantes nos prazos dunha infraestrutura decisiva para Galicia e, especialmente, para a provincia de Pontevedra como é a Saída Sur de Vigo”, explicou Rueda. Así mesmo, sinalou as “moitas adhesións” que xa está a ter o manifesto que se asinou onte no país veciño, o cal ten comprometido o fin das obras para 2032.

Ademais, o titular do Goberno galego indicou que “dentro da ambiciosa política de desenvolvemento de parques empresariais que ten a Xunta”, na provincia de Pontevedra existen 11 ou en proxecto ou en execución e varios deles precisan de “colaboración e coordinación decidida da Deputación”, sobre todo en canto a infraestruturas conexas e estradas provinciais. Así, reclamou “axilidade dos permisos de conexión de estradas provinciais” para os parques empresarial de Louredo (Mos-Redondela), o de Fragamoreira (Poio) e o de Chan de Amoedo (Pazos de Borbén).

Tras a reunión, Rueda tamén quixo destacar a coordinación en emerxencias que “estamos tendo de xeito exemplar nas catro provincias” e valorou que a Deputación asinase por primeira vez este ano un convenio en materia de prevención de incendios.

Data de actualización: 03/07/2024