O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asiste en Vigo á inauguración no Museo do Mar de Galicia

A Xunta pon en valor a obra de Néstor Goyanes coa mostra ‘Soñar ao encontro: cartas ao mar’

A exposición, aberta ata o 25 de agosto, busca amosar a través dunha serie de gravados a memoria e as vivencias pasadas migratorias do artista 

Vigo, 3 de xullo de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe en Vigo a exposición Soñar ao encontro: cartas ao mar na que se pon en valor a obra artística de Néstor Goyanes. Trátase dunha mostra feita en colaboración co Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira que se poderá ver no Museo do Mar de Galicia ata o vindeiro 25 de agosto. 

Na apertura, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou a importancia de contar en Galicia “cunha mostra que ofrece un completo percorrido pola memoria familiar e social do artista arxentino”. “Este é o traballo dun artista cun importante labor no panorama artístico capaz de capturar esencias e emocións ao redor da temática da migración humana”, engadiu. 

A mostra dispoñible no museo xestionado pola Xunta en Vigo contén 16 pezas incluídas na serie Cartas ao mar e expresa o diálogo creativo entre o artista e os seus recordos a través de diferentes técnicas como a xilografía, a litografía, as colaxes e o stencil. Ademais, nesta exposición, as cartas cobran vida e actúan como un vínculo entre o pasado e o presente que fai reflexionar ao seu espectador.

Néstor Goyanes 

O artista Néstor Goyanes naceu no ano 1960 en Bos Aires. Comezou a súa andaina na litografía da man do mestre Rafael Gil e, desde o ano 1977, participa en exposicións de ámbito municipal, nacional ou internacional. Na actualidade conta con numerosos galardóns, sendo os máis recentes o Salón Manuel Belgrano (Arxentina, 2021) ou o Premio Mini Print Ciudad de Río Cuarto (Arxentina, 2023). 

Data de actualización: 03/07/2024