A Xunta ofrece este verán 1.800 prazas de campamentos na provincia de Lugo

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, e o delegado territorial da Xunta en Lugo visitan o albergue Area con 100 rapaces por quenda

A representante da Consellería de Cultura participa, ademais, con 20 mozos nunha actividade de iniciación ao surf organizada polo Espazo Xove de Viveiro

A oferta en xeral da Administración autonómica para a mocidade de entre 9 e 17 anos é de 7.611 prazas

Viveiro (Lugo), 3 de xullo de 2024

A Xunta de Galicia ofrece este verán 1.800 prazas para nenos e nenas de 9 a 17 anos nos campamentos da provincia de Lugo. Así o explicou hoxe a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, nunha visita co delegado territorial da Xunta, Javier Arias, ao albergue Area, en Viveiro, que conta con 100 rapaces por quenda, entre eles 20 procedentes do País Vasco grazas aos programas de intercambio.

Nesta visita, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou o compromiso da Xunta de Galicia coa mocidade galega. “Contamos cunha programación de calidade que é xa un referente en todo o estado e que ofrece posibilidades de ocio en todas provincias”, engadiu.

Neste senso, indicou que a oferta da provincia de Lugo forma parte da campaña que, baixo o lema O teu mellor verán, inclúe un total de 7.611 prazas nesta modalidade en toda a Comunidade. Trátase dunha cifra que, tal e como lembrou Lara Meneses, está incluída na programación estival da Xunta, a maior convocatoria da súa historia, con 11.533 prazas.

Tras esta visita, a directora xeral de Xuventude aproveitou a ocasión para participar, xunto con 20 mozos e mozas, nunha actividade iniciación ao surf organizada polo Espazo Xove de Viveiro na praia de Esteiro de Bares do concello de Mañón.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/07/2024