A conselleira María Martínez Allegue visita a actuación realizada no barrio da Estación no concello da Rúa, desenvolvida ao abeiro do plan Hurbe

A intervención aborda a mellora das vías da Rúa Real, Doutor Vila, Miguel de Cervantes, Benito Fernández e o entronque coa rúa Silveira, cun investimento de preto de medio millón de euros

Os traballos inclúen a renovación do pavimento e a humanización destas rúas, priorizando o tránsito peonil, ademais do reemprazo das infraestruturas de saneamento e soterrado do alumeado público

A conselleira subliña os traballos de humanización levados a cabo neste barrio e pon en valor o Plan Hurbe como instrumento para a renovación dos espazos públicos nos concellos galegos

A Rúa (Ourense), 3 de xullo de 2024

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou hoxe xunto á alcaldesa da Rúa, María González Albert, e o delegado territorial de Ourense, Manuel Pardo, a actuación de acondicionamento do barrio da Estación deste concello, cuxa primeira fase está practicamente finalizada, e que se desenvolveu ao abeiro do Plan Hurbe da Xunta.

A través desta intervención, cun investimento de 484.000 euros, acometeuse a mellora das distintas rúas deste barrio, a rúa Real, Doutor Vila, Miguel de Cervantes, Benito Fernández e o entronque da rúa Silveira. Nelas renováronse o pavimento e desenvolvéronse traballos de humanización para primar o tránsito peonil, ademais da renovación das infraestruturas de saneamento e abastecemento, instalación da rede de pluviais, o soterrado do alumeado público e a instalación de gas natural.

Os traballos foron financiados a través do convenio de colaboración asinado entre as administracións autonómica e local, no que a Xunta financiou o 70% da obra e o concello asumiu o 30% restante.

A conselleira destacou a calidade con que foi realizada esta obra e a importancia do Plan Hurbe para desenvolver conxuntamente da man dos concellos actuacións de humanización e recuperación do espazo público “que nos axudan a transformar o noso territorio e mellorar a calidade de vida da veciñanza”. A través do Plan Hurbe abordáronse nos últimos catro anos 86 actuacións en Galicia, que supoñen un investimento de 17,1 M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/07/2024