Máis de cen axentes da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal definen a nova Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza ata 2027

Representantes do ecosistema de I+D+i de Galicia e do Norte de Portugal reuníronse esta mañá en Ponte de Lima (Portugal) para identificar as áreas prioritarias

Ponte de Lima (Portugal), 3 de xullo de 2024

Máis dun cento de axentes do ecosistema de I+D+i da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal reuníronse esta mañá na Escola Superior Agraria de Ponte de Lima (Portugal) para definir, a través dun proceso participativo, as áreas prioritarias e as actuacións máis relevantes da Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza ata 2027. Esta xornada parte dos resultados extraídos no obradoiro celebrado no mes de maio en Vigo para avaliar a estratexia actual e rematará coa presentación no outono da nova Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal (RIS3T).

A RIS3T é unha iniciativa pioneira, por tratarse da primeira RIS3 transfonteiriza en Europa, e foi recoñecida como caso de boas prácticas pola Comisión Europea. O seu obxectivo é aliñar as políticas de apoio á I+D+i na Eurorrexión e poñer en marcha proxectos coordinados. Para elo, na RIS3T 2014-2020 implementáronse actuacións encamiñadas a potenciar as capacidades das entidades da Eurorrexión e aproveitar as sinerxías entre elas, optimizando así recursos públicos, en seis áreas: enerxía do mar e biomasa, industrias agroalimentaria e biotecnolóxica, Industria 4.0, industrias de mobilidade, industrias turísticas e creativas e vida saudable e envellecemento activo.

Incremento de fondos ata os 518M€

Entre os principais resultados acadados, destaca o incremento nos fondos mobilizados en programas europeos de innovación respecto do obxectivo marcado: 517,8M€ acadados en Horizonte 2020 -programa marco de financiamento da I+D+i a nivel europeo- fronte aos 360M€ previstos. Así mesmo, cómpre subliñar o investimento mobilizado en programas de cooperación -como Interreg Poctep e Espazo Atlántico- polos axentes da Eurorrexión: 153M€.

Esta actividade enmárcase no proceso participativo con representantes do ecosistema de I+D+i -universidades, centros de coñecemento e tecnolóxicos, empresas e Administracións públicas-, que busca adecuar a RIS3T á evolución dos retos da Eurorrexión. Está organizada pola Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia en colaboración coa Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR-NORTE) ao abeiro do proxecto GOBERNANZA_GNP_1_E, liderado pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP-AECT) e financiado polo Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) da Unión Europea.

Data de actualización: 03/07/2024