A Xunta ofrece este verán co ‘CulturOn’ 30 tipos de actividades para atender aos intereses do público

A campaña estival do Goberno galego chega a 200 concellos con música, maxia, artes escénicas, exposicións, patrimonio ou bibliotecas, entre outras propostas

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou no Parlamento que Galicia se atopa “nun momento de gran vitalidade do sector, co que hai que seguir contribuíndo”

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2024

A Xunta de Galicia ten activada neste verán unha ampla oferta cultural que, con 30 tipoloxías de propostas diferentes, se estende a todo o territorio co obxectivo de que todas as persoas poidan gozar das actividades sexa cal sexa o seu lugar de residencia, as súas preferencias ou a súa idade. Así o recordou hoxe o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, que respondeu unha pregunta na Comisión do Parlamento sobre a programación do CulturON, a campaña coa que, dixo, “o Goberno galego garante o acceso universal á cultura, potencia a diversidade da oferta e apoia as iniciativas das industrias creativas galegas chegando a moi diversos puntos da Comunidade”.

Coas propostas xa en marcha, que continuarán ata o mes de setembro, neste 2024 dáselle continuidade a unha campaña que xa funcionou durante o pasado ano e que cobra agora unha dimensión maior xa que, segundo explicou o director xeral de Cultura, “damos por superada a crise de oferta e de demanda que se xerou pola pandemia, atopándonos nun momento de gran vitalidade no sector, sobrepasando os indicadores previos á covid no relativo á actividade, facturación, e emprego”.

Así, lembrou que o 2023 foi “un ano moi importante para a cultura galega, por iso desde a Consellería queremos contribuír firmemente a que os fitos conseguidos se vexan incrementados neste 2024 a través de proxectos que respondan aos diversos intereses do público e das persoas creadoras”.

Tal e como sinalou Anxo M. Lorenzo, todas as propostas, que se poden consultar na Axenda de Cultura de Galicia, engloban unha “oferta plural destinada a satisfacer os diversos gustos da cidadanía a través de proxectos propios da Administración autonómica e a colaboración con diferentes institucións públicas e entidades privadas”. Trátase, ademais, dunha programación que vai na liña dos obxectivos da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, que acaba de recibir o visto e prace do Consello da Xunta, e da futura Rede Adival de dinamización cultural no ámbito rural.

Desta maneira, a oferta caracterízase pola súa descentralización e diversificación, con presenza en máis de 200 concellos e unha media diaria de 30 accións. Abrangue máis de 500 propostas no marco de festivais de diversa índole como música, teatro ou narrativa; 800 iniciativas vencelladas a distintos circuítos de maxia, espectáculos de rúa ou literatura, entre outros; máis de 200 citas musicais e outras 200 funcións relacionadas coas artes escénicas; preto de 300 accións englobadas no Plan Corresponsables Cultura e 300 actividades máis organizadas ao abeiro da Rede de Bibliotecas Públicas coordinadas pola Xunta; unha trintena de exposicións e 40 actividades en prol da lingua.

Data de actualización: 03/07/2024