Mañá xoves 4 de xullo abre o prazo para que os usuarios se descarguen o bono turístico da Xunta

Poderán facelo desde as 9.00 horas a través da páxina web www.bonoturismo.gal

Os bonos poderán desfrutarse en estadías en Galicia que se realicen desde o 10 de setembro ata o 25 de decembro, ambos incluídos

Este ano, como novidade, cada usuario poderá descargar ata dous bonos cun valor total de 300€ e estarán cofinanciados entre o Goberno autonómico e os usuarios

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2024

Os usuarios que desexen facer uso do bono turístico da Xunta este 2024 poderano descargar desde mañá xoves 4 de xullo a través da páxina web www.bonoturismo.gal. Con esta iniciativa o Goberno autonómico busca promover as viaxes en Galicia durante este outono e apoiar o sector fóra de temporada alta.

A descarga dos bonos activarase este xoves 4 ás 9,00 horas a través da web. Os beneficiarios poderán empregar os seus bonos desde o 10 de setembro ata o 25 de decembro de 2024, ambos incluídos. Como novidade, cada usuario poderá descargar este ano ata dous bonos, polo que poderá contar cun investimento de ata 300€ para gozar dunha estadía o vindeiro outono nalgún dos establecementos que se adhiran.

O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado 28 de xuño os detalles da nova campaña do Bono Turístico da Xunta de Galicia coa apertura xa naqueles días do prazo para que as axencias de viaxes e establecementos de aloxamento interesados se adherisen a esta iniciativa. Nestes momentos hai máis de 180 establecementos adheridos, e os establecementos interesados aínda teñen de prazo para sumarse ata o 2 de decembro.

O Goberno autonómico inviste este ano 1M€ coa previsión de mobilizar no sector 2,5M€ durante o outono. Poranse en circulación máis de 16.000 bonos en formato código QR cun importe de 150€, cofinanciados nun 40% pola Xunta de Galicia en nun 60% polas persoas que o soliciten (os particulares abonarán, polo tanto, 90€ para contar cun bono por valor de 150€).

A iniciativa -que naceu no contexto da pandemia para dinamizar o consumo turístico e inxectar liquidez ás empresas do tecido turístico galego- está consolidándose como una proposta que impulsa a actividade fóra de temporada alta e contribúe a apoiar o sector.

Nestes catro anos puxéronse en circulación máis de 47.000 bonos turísticos e mobilizáronse máis de 14M€: deles, durante a pandemia foron máis de 10M€ (5M€ co bono turístico sociosanitario e 5,8M€ no ano 2021), aos que se suman os 3M€ nos últimos dous anos.

Data de actualización: 03/07/2024