López Campos enxalza a figura dun Castelao “sempre presente na Galicia que hoxe coñecemos”

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participa no Parlamento na presentación da reedición de ‘Estatuto de Galiza. Antecedentes e comentarios’, obra publicada polo intelectual galego en Bos Aires en 1948 e que conta neste caso cun estudo engadido

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe na presentación celebrada no Parlamento da reedición do libro de Castelao O Estatuto de Galiza. Antecedentes e comentarios, onde se referiu ao intelectual galego como “unha das figuras capitais da nosa historia, sempre presente na Galicia que hoxe coñecemos porque somos herdeiros dun legado co que contribuíu a construír a nosa cultura e identidade”.

Durante o acto, López Campos agradeceu “o gran labor de divulgación que se realiza desde a Fundación Castelao da súa obra e pensamento”. Nomeadamente, referiuse ao presidente da entidade, que asina ademais o estudo introdutorio da publicación presentada, Miguel Anxo Seixas, do que resaltou “a súa gran capacidade de traballo para investigar e comprender a un autor símbolo de Galicia, de maneira que o seu legado siga gozando de vitalidade hoxe en día”. 

O titular de Cultura da Xunta estivo acompañado polo presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas.

O libro presentado hoxe supón traer ao presente un texto, publicado orixinariamente en Bos Aires en 1948, que narra as vicisitudes da aprobación do Estatuto de Autonomía, “que lle outorgou a Galicia o recoñecemento como comunidade histórica e sentou as bases dunha identidade propia que chega ata os nosos días”, tal e como recordou López Campos no transcurso da presentación.

A publicación foi editada de novo polo Parlamento de Galicia xunto co mencionado estudo introdutorio no que se narra o esforzo que Castelao fixo na defensa do Estatuto.

Data de actualización: 03/07/2024