O presidente da Xunta visita a sede en Vigo de ZF LIfetec polo cincuenta aniversario da compañía

Rueda destaca a importancia do sector automobilístico para a riqueza e o emprego de Galicia

Encomia o labor de todas as compañías do sector industrial

Recorda as axudas que se fan desde o Goberno galego para apoiar a transición cara a unha mobilidade sostible

Actualmente están abertas dúas liñas de axudas que suman 18 millóns de euros, e está preto de aprobarse o Plan Director para a Automoción

Vigo, 3 de xullo de 2024

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, salientou hoxe a importancia que ten o sector automobilístico para a xeración de riqueza e de emprego en Galicia.

Así o fixo durante a visita á sede de Vigo de ZF Lifetec, con motivo do cincuenta aniversario da compañía. Durante o acto, o presidente encomiou o labor de ZF Lifetec e de todas as empresas que forman “a Galicia Potente”, remarcando a importancia de trasladar o feito aquí a moitos lugares: “O que é bo para Galicia, é bo para moitos sitios. Por tanto, tentemos que todas as cousas boas que se poidan saian desde aquí”, apuntou.

Na súa intervención, o presidente recordou as axudas que se fan desde o Goberno galego para apoiar o crecemento deste sector, ao que considerou de prioridade máxima para o seu Executivo: “Para acertar hai que escoitar. E hai que saber onde hai que priorizar e onde hai que poñer os recursos. E aquí é o momento de arriscar, o momento de dicir si”, asegurou.

Actualmente están abertas dúas liñas de axudas extraordinarias para apoiar a transición cara a unha mobilidade sostible, que suman en total 18 millóns de euros. E está preto de aprobarse o documento inicial do Plan Director para a Automoción, que vai na liña de impulsar e consolidar a industria galega aumentando a súa competitividade.

Por último, Rueda deu os seus parabéns á compañía polo cincuenta aniversario, e animou a todos os empregados e directivos a seguir traballando día a día por unha Galicia máis próspera e en servizo de todos os cidadáns.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/07/2024