A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, comparece na Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia

A Xunta publicará nas vindeiras semanas novas liñas de axuda de apoio ao sector marisqueiro galego para garantir a súa sustentabilidade

Villaverde adianta que proximamente se proxecta publicar a concesión directa de axudas extraordinarias, por valor de 420.000 euros, ás entidades asociativas ante os graves acaecementos ambientais co fin de garantir a súa viabilidade

Destacou que xa está finalizada a tramitación da orde de axudas para á restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante medidas de conservación no marco de actividades marisqueiras sustentables por valor de 1,75 millóns de euros

A estas achegas sumarase a publicación das axudas a proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros cun orzamento de 300.000 euros, o que supón un 20% máis respecto o ano pasado

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2024

A Xunta de Galicia procederá á publicación nas vindeiras semanas de novas liñas de axudas de apoio á actividade marisqueira co obxectivo de garantir a súa competitividade e sustentabilidade. Así o manifestou a directora xeral  de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar, Marta Villaverde, no marco da súa comparecencia na Comisión 8ª do Parlamento sobre as estratexias que se están a desenvolver desde o Goberno galego ante as necesidades do sector e os niveis actuais de produción. 

A directora xeral adiantou que proximamente a Consellería do Mar publicará a concesión directa de axudas extraordinarias, por valor de 420.000 euros, ás entidades asociativas ante os graves acaecementos ambientais co fin de garantir a súa viabilidade. Unhas achegas que se suman ás xa despregadas pola Xunta como foron as axudas destinadas a compensar aos profesionais pola paralización temporal da actividade marisqueira a flote dotada con 7,2 millóns de euros ou as axudas de concesión directa e de carácter extraordinario pola que se concedeu 550 euros a cada unhas das persoas mariscadoras que cumprían os requisitos que establece a normativa vixente.

Tamén destacou que esta finalizada a tramitación da orde dedica ao financiamento de proxectos colectivos para a restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante medidas de conservación no marco de actividades marisqueiras sustentables e que están cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa) cunha dotación de 1,75 millóns de euros. Tamén procederase á publicación das axudas a proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan a unha xestión e conservación sustentables dos recursos mariños cun orzamento de 300.000 euros, o que supón un incremento do 20% respecto ao ano pasado. Así, tamén destacou que proximamente será publicada as axudas para compensar aos profesionais pola paralización temporal da actividade marisqueira a pe.

Por outra banda, sinalou medidas en favor do conxunto do sector e que, por tanto, tamén benefician á actividade marisqueira como as achegas autonómicas destinadas a á mellora dos equipamentos e das infraestruturas dos portos pesqueiros, dos lugares de desembarque, das lonxas e dos ancoradoiros, cofinanciadas polo Fempa, que resolveu a aprobación de 47 proxectos, financiados ao 100%, por valor de máis de 5 millóns de euros. Deste xeito, faise posible a realización de importantes inversións de cara a modernizar estas instalacións.

Actuacións en Camariñas

Villaverde explicou que son numerosos os estudos de avaliación e tarefas de rexeneración realizadas pola Xunta desde o 2014. Nesta liña detallou que se realizou un estudo das zonas despois dos cales se procedeu á remoción de substrato na área de sedimentación de finos cunha superficie de máis de 31 mil m2 así como o traslado de xuvenís de berberecho e a limpeza de algas e control de depredadores. No 2016 realizouse unha retirada manual de mexillón das zonas afectadas pola colonización desta especie retirando 100 m3.. Uns traballos que se repetiu no 2019 nunha superficie de preto de 2.500 m2.

A Consellería do Mar tamén entregou á confraría de Camariñas desde o ano 2022 diversos lotes de semente procedente  do minicriadeiro do Vicedo, dependente do CIMA-Ribadeo, e do Igafa sumando un total de 70.900 unidade de ameixa fina, 200.400 unidades de ameixa babosa e 143.600 de ameixa xaponesa co obxectivo de realizar novas sementeiras, no marco das medidas de rexeneración dos bancos marisqueiros da zona.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 02/07/2024