O presidente do Goberno autonómico asiste á inauguración da XXVI edición da Escola de Verán do Poder Xudicial en Bergondo

Rueda destaca o compromiso da Xunta cun sistema xudicial forte, moderno e independente

Salienta que o Goberno autonómico traballa desde hai anos na modernización da xustiza con mellora de infraestruturas, avances na dixitalización e medidas de ciberseguridade

Bergondo (A Coruña), 2 de xullo de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o compromiso da Xunta cun sistema xudicial forte, moderno e independente coma parte esencial da sociedade e un dos piares dos Estados democráticos.

Durante a inauguración da XXVI edición da Escola de Verán do Poder Xudicial, que se celebra no Pazo de Mariñán, fixo fincapé na importancia de que este eido se adapte aos novos tempos con melloras nas infraestruturas xudiciais e a formación continua dos profesionais.

Nesta liña, lembrou que a Xunta traballa desde hai anos na modernización da xustiza a través da mellora de infraestruturas -coma por exemplo, a Cidade da Xustiza de Vigo-; coa progresiva dixitalización do sector a través do Plan Senda 2025, dotado de 43 millóns de euros; ampliando o número de servizos aos que os cidadáns poden acceder de forma telemática e incidindo en medidas de ciberseguridade.

Durante a súa intervención, acompañado do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, o presidente fixo fincapé na formación continua que levan a cabo os profesionais da xudicatura a través de cursos e xornadas coma a Escola de Verán. Rueda salientou que, desde 1997, Galicia convértese cada mes de xullo nun referente do ámbito da xudicatura coa celebración deste foro de diálogo, debate e formación no que se analizan os retos do presente e futuro do sector.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/07/2024