O conselleiro de Educación participa na xornada de recoñecemento aos mellores traballos de investigación de STEMBach coa UDC, USC e UVigo

A Xunta premia os mellores proxectos de investigación dos estudantes que cursan o Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía

As alumnas gañadoras pertencen aos institutos IES Plurilingüe Eusebio da Guarda da Coruña, IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago e IES Blanco Amor de Ourense

“Os premios demostran a calidade e o talento que atesouran os estudantes galegos e convido a afondar máis na formación STEM”, destaca o conselleiro

Como novidade, a partir do vindeiro curso, as universidades galegas recoñecerán con créditos a participación do alumnado de Bacharelato neste programa

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2024

A Xunta de Galicia vén de recoñecer este curso, por primeira vez, os mellores proxectos de investigación realizados polos centros educativos no marco do Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, STEMBach, unha iniciativa que ten como finalidade impulsar a formación STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) e as habilidades científico-tecnolóxicas, en especial no tratamento de datos e na incorporación da intelixencia artificial á sociedade, así como fomentar as vocacións neste eido entre os máis novos. 

Na xornada de hoxe, os nove mellores proxectos do programa de STEMBach, dos 61 desenvoltos, defenderon os seus traballos ante un xurado. Nesta parte avaliáronse criterios como a puntuación acadada na fase preliminar e, se a exposición está ben estruturada e organizada. Finalmente seleccionaranse os tres mellores proxectos de investigación. O titular do departamento educativo galego destacou que estes proxectos “demostran a calidade e o talento que atesouran os estudantes galegos e convido a afondar máis na formación STEM”.

Os gañadores son o IES Eusebio da Guarda da Coruña co proxecto Novas dianas terapéuticas para o tratamento da artroses: un modelo con algas mariñas, realizado por Natalia Gómez e Ha Nul Kim; o IES Rosalía de Castro con Influencia das condicións meteorolóxicas na cantidade de raios cósmicos detectados na superficie, feito por Belén Carla Merino Pazos, e Tipo de redes neuronais: fundamentos teóricos e aplicacións, traballo de Aroa Álvarez, Andrea Dapena, Natalia Fernández e Alba Quintas, alumnas do IES Eduardo Blanco Amor. As premiadas, todas mulleres, irán de viaxe á feira SciFest de  Dublín, en Irlanda. 

Centro premiados

Alumnas participantes

Titoría do proxecto

Director de investigación

Proxecto

IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña)

Natalia Gómez López e Ha Nul Kim Youm

María Jesús Mourazos

Valetina Calamia e Carlos Vaamonde-García

Novas dianas terapéuticas para o tratamento da artroses: un modelo con algas mariñas

IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela)

Belén Carla Merino Pazos

Enrique Cao Rodríguez

Cristina Cabo Landeira

Influencia das condicións meteorolóxicas na cantidade de raios cósmicos detectados na superficie

IES Eduardo Blanco Amor (Ourense)

Aroa Álvarez Pérez, Andrea Dapena Suárez, Natalia Fernández Valeiras e Alba Quintas Núñez

Carlos Ferreiro García

José Ángel Cid Araújo

Tipo de redes neuronais: fundamentos teóricos e aplicacións

Todos os proxectos realizaron prácticas para coñecer as aplicacións reais da ciencia e a técnica, así como adquirir unha formación actualizada e autónoma que lles estimule para os futuros estudos universitarios.

O xurado destacou a calidade dos proxectos que resultaron premiados así como do resto de finalistas, detallados a continuación:

Centro

Proxecto

IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña)

Medición da calidade lingüística de textos con técnicas de lingüística computacional

IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña)

Sistemas automáticos de recomendación de videoxogos

IES Agra do Orzán (A Coruña)

Sistema automático de recomendacións de videoxogos

IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes (Lugo)

Materiais construtivos e procesos de deterioro da Catedral de Lugo e Capela do Carme

IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes (Lugo)

Estimación do sexo, idade e talla en restos óseos humanos

CPR Plurilingüe Miralba (Vigo)

Explorando ambientes extremos como fonte de microorganismos produtores de enzimas de interese industrial

IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela)

Sensoxenómica, descifrando a melodía xenética da saúde e a enfermidade

Novidades para o vindeiro curso

STEMbach é unha iniciativa que facilita a adquisición de competencias transversais como a creatividade,  o emprendemento, a resolución de problemas, o traballo en equipo, o pensamento crítico e a cidadanía global. Ademais, o programa pon especial foco na redución da fenda de xénero, mellorando a presenza de mulleres en carreiras do ámbito STEM e técnicas.

O titular do departamento galego, aproveitou esta xornada para destacar os bos resultados deste plan educativo. “O éxito da iniciativa pódese medir na calidade dos proxectos presentados e no volume de centros participantes, 45, e por ser cursado por 774 alumnos”, salientou. Os estudantes desenvolven un proxecto de investigación relacionado con calquera ámbito de recoñecemento de materias cursadas, que está codirixido por un docente pertencente a un departamento universitario ou entidade de investigación de Galicia e do que o alumno realiza unha defensa do traballo en sesión publica.

No acto tamén participaron a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López, a vicerreitora de Estudantando e Empregabilidade da UVigo, Natalia Caparrini, e a responsable do STEMbach da UDC, Susana Ladra.

A convocatoria do programa STEMBach para o vindeiro curso ten como novidade que as universidades recoñecerán con créditos ECTS a participación do alumnado de Bacharelato neste programa educativo. Grazas a iso, os estudantes que superen o STEMbach e se matriculen posteriormente nalgunha das universidades públicas galegas verá recoñecido con créditos de libre configuración gratuítos este mérito. En total, poderán obter 1,5 créditos ECTS por curso académico universitario, ata un máximo de 6 créditos ECTS. Este feito será aplicable tanto para os que titulen de aquí en diante como para os que xa o fixeron en cursos anteriores.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/07/2024