A Xunta fai entrega de dúas vivendas de promoción pública en réxime de alugueiro no Carballiño

As dúas vivendas sitúanse na avenida de Compostela e beneficiarán a dúas familias

No concello carballiñés existen na actualidade 109 pisos de promoción pública, dos que o IGVS é propietario de 22 vivendas en total

A conselleira destaca o acceso á vivenda digna e de calidade para a cidadanía como unha das “prioridades absolutas do Goberno galego nesta lexislatura”

No Carballiño están inscritas 13 unidades de convivencia no Rexistro de Demandantes

O Carballiño (Ourense), 2 de xullo de 2024

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta, María Martínez Allegue, fixo entrega esta mañá a dúas familias de senllas vivendas de promoción pública en réxime de alugueiro  no municipio ourensán do Carballiño. No acto estivo o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.

Trátase de dous pisos de 90 e 82,5 metros cadrados situados en dous inmobles da avenida de Compostela, das que son agora beneficiarias dúas familias, que abonarán alugueiros por importe mensual de entre 82 e 89 euros. En ambos casos, son vivendas de segunda transmisión, que foron rehabilitadas e inclúen rocho e praza de garaxe

Estes pisos forman parte dos dous grupos de promoción pública existentes no concello do Carballiño na actualidade, cun total de 109 pisos distribuídos en dous edificios, dos que o Instituto Galego de Vivenda e Solo é propietario de 22 vivendas en total e 21 delas están adxudicadas en réxime de alugueiro e unha mais está en proceso de reforma. Por outra banda, na zona de A Uceira o IGVS é propietario de 5 vivendas en réxime de alugueiro.

Hai que sinalar que existen na actualidade no Rexistro de Demandantes deste concello 13 unidades de convivencia inscritas, requisito imprescindible para poder acceder as vivendas de promoción pública.

Martínez Allegue agradeceu ás novas familias beneficiarias poder compartir o momento da súa entrada no seu novo fogar e reiterou que o acceso á vivenda de calidade en condicións asequibles para á cidadanía “é prioridade absoluta” nesta lexislatura para a Xunta. En materia de alugueiro social, a conselleira destaca que o obxectivo é que “máis familias poidan conseguir este tipo de alugueiro, facilitándolles así o acceso a unha vivenda, algo que sabemos que nestes momentos non é doado para moitas familias,  tamén colectivamente, como sociedade”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/07/2024