O presidente da Xunta participou hoxe no acto de sinatura pública dun manifesto a favor do impulso das conexións co país veciño

Rueda urxe investimentos e un calendario de actuacións para a liña de alta velocidade entre Galicia e a fronteira de Portugal

Asegura que é unha infraestrutura “prioritaria e vital para Galicia” que precisa de “planificación, orzamento e prazos concretos” por parte do Goberno central

Salienta que se trata da fronteira “con máis tráfico e relacións” de toda España

“Somos unha soa terra para moitas cousas”, destaca 

Á petición súmanse concellos, deputacións, empresarios, sindicatos e outros actores do tecido social e económico de ambos lados da fronteira

Valença do Minho, 2 de xullo de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, urxiu hoxe ao Goberno central un plan de investimentos e un calendario de actuacións para impulsar e executar a liña de alta velocidade ferroviaria entre Vigo e a fronteira portuguesa. “É unha infraestrutura prioritaria e vital para Galicia e para que sexa unha realidade se precisa una planificación, orzamentos e prazos concretos”, destacou.

Así o sinalou hoxe durante un acto en Valença do Minho no que se asinou un manifesto a favor desta conexión. A esta petición sumáronse diferentes actores do tecido social e económico a un e outro lado da fronteira, como concellos, deputacións, empresarios, sindicatos ou universidades.

O titular do Executivo galego destacou a importancia de que se unan forzas ao redor desta reclamación, que considerou de xustiza. “Reclamamos o que nos corresponde, o que merecemos e o que levamos tempo esperando”, indicou o presidente que lembrou que a raia entre Portugal e Galicia é a fronteira entre España e o país luso “con máis tráfico e máis relacións de todo tipo” como culturais ou económicas. “Somos unha soa terra para moitas cousas”, salientou.

A alta velocidade entre Portugal e Galicia xa foi considerada prioritaria en distintas cimeiras ibéricas entre España e Portugal, e que o presidente tratou esta cuestión directamente cos ministros español e portugués do ramo.

A Xunta xa trasladou en diferentes ocasións a súa preocupación polo avance das obras da parte española, en tanto non hai unha reserva orzamentaria suficiente para acometer a Saída Sur de Vigo; e tampouco hai avances significativos desde hai anos no tramo que vai entre Porriño e a fronteira portuguesa. Pola contra, Rueda fixo fincapé no compromiso do Goberno luso de levar a cabo as actuacións precisas no seu país para facer realidade esta conexión ferroviaria.

Por último, Rueda apuntou que no manifesto tamén se reclama unha mellora do coñecido como Tren Celta que une Vigo con Porto. Así, apuntou á necesidade de modernizalo porque actualmente a conexión e o material rodante desta liña non cómpren cos estándares actuais de eficiencia.

Adhesións ao manifesto

Do lado galego, adheríronse polo de agora ao manifesto as confederacións de empresarios de Galicia e das catro provincias; as deputacións de Lugo, Pontevedra e Ourense; a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp); as Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial (AECT) Norte de Portugal, Río Miño e Chaves-Verín; as Universidades de Santiago e Coruña e os consellos sociais das tres universidades; o Consello Sindical Interrexional Galicia-Norte de Portugal; e a Fundación de Centro de Estudos Eurorrexionais (FCEER). 

Do lado portugués, subscribiron o documento: o a Asociación Empresarial de Portugal (AEP); a Asociación de desenvolvemento rural integrado da Lima; a Comunidade Intermunicipal do Cávado; as cámaras municipais de Valença, Chaves e Ponte de Lima; a universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro e o Instituto Politécnico de Viana do Castelo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/07/2024