A Xunta ratifica o seu apoio ás Prazas de Abastos de Galicia e o impulso ao Selo de Mercado Excelente

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 2 de xullo de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, mostrou hoxe o apoio da Xunta aos mercados galegos durante a súa participación no showcooking organizado pola Asociación de Profesionais da Praza de Abastos de Vilanova de Arousa e a Federación de Prazas de Abastos de Galicia para promocionar as instalacións. Trátase dunha actividade organizada tamén polo obradoiro de emprego Hostalería Mar de Santiago III.

O Goberno galego aposta por potenciar as prazas garantindo as condicións óptimas de accesibilidade e adecuación das súas instalacións, favorecendo tamén a celebración de actividades complementarias. Así, impulsará nesta nova Lexislatura o Selo de Mercado Excelente co que o Goberno galego recoñece ás prazas de abastos e mercados que están a responder aos retos de modernización e innovación sen perder a súa autenticidade e tradición, a súa proximidade e trato personalizado.

Garantir a viabilidade dos negocios, a remuda das actividades e a fidelización da clientela son tamén obxectivos da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración nesta nova etapa co fin de axudar ao sector do comercio e dos praceiros para ofrecer cada vez un produto máis diferenciado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/07/2024