A Rede de bibliotecas coordinada pola Xunta contará con 1.500 exemplares do libro do centenario do Celta de Vigo

Os volumes de ‘100 anos de afouteza e corazón’ doados polo club recollen a súa historia e tradición da man de coñecidos celtistas como Carlangas ou Alicia Barreiro

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2024

A Rede de bibliotecas públicas de Galicia, coordinada pola Xunta, contará con 1.500 exemplares do libro de relatos 100 anos de afouteza e corazón doados polo Real Club Celta de Vigo. Este volume feito con motivo do centenario do equipo, relata a historia e a tradición celeste.

A obra que estará dispoñible en máis de 300 bibliotecas repartidas por toda Galicia recolle algúns dos encontros máis emblemáticos contados a modo de recordos por aqueles que o viviron desde as oficinas de medios de comunicación, desde a grada e desde o propio campo.

Así, as páxinas deste libro actúan como unha hemeroteca emocional que amosa o sentimento de paixón e afouteza vividos ao longo destes 100 anos de historia grazas ás testemuñas de coñecidos celtistas como os xornalistas Jacobo Buceta, Juan Carlos Álvarez, Armando Álvarez ou Lucía Taboada, así como o escritor Pedro Feijoo, a actriz Marta Larralde ou os cantantes Evaristo Páramos e Carlangas. Tamén de deportistas e adestradores como Sergio Álvarez, Teresa Portela ou Paco Herrera.

Data de actualización: 02/07/2024