O rapeiro canario Lucho RK e a fusión de músicas do mundo da banda galega de Ninghures abren esta semana o ciclo de concertos de ‘Atardecer no Gaiás’

As actuacións, con acceso libre e gratuíto, serán este xoves 4 e venres 5 de xullo ás 21 horas na Praza central da Cidade da Cultura

En total, o ciclo programa durante xullo e agosto 16 citas musicais de estilos diversos para todos os públicos con presenza de grupos de Galicia, Madrid, Málaga, Cataluña, Canarias, Brasil e Portugal

A iniciativa forma parte da campaña ‘CulturON’, que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten en marcha este verán con máis de 30 actividades diarias

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2024

Este xoves 4 de xullo á caída do sol arrincan os concertos de Atardecer no Gaiás co rapeiro Lucho RK, unha das novas voces máis populares dentro da música urbana en España. Con apenas un par de anos de traxectoria, este mozo canario suma decenas de miles de seguidores e tamén colaboracións con artistas consagrados no seu estilo, como Juancho Marqués ou Wos LasPalmas. A actuación inaugural desta décimo cuarta edición do ciclo musical impulsado pola Xunta de Galicia dará comezo ás 21,00 horas na Praza central do Gaiás.

O venres 5 de xullo subirá ao escenario De Ninghures, unha das revelacións da música galega actual. Gañadores do premio aRi[t]mar á mellor canción galega do 2023 con Morena, a banda combina o folk feito aquí cos ritmos doutras músicas nas que buscan inspiración, desde o rock saharaui ata as melodías cubanas, facendo soar tanto a pandeireta coma o ukelele.

16 propostas musicais diversas

A diversidade e a aposta polo talento son dous dos sinais de identidade dun ciclo consolidado na axenda do verán para os amantes da música en directo, que volve contar nesta edición co apoio de Cervezas Alhambra.

En total, o programa inclúe 16 actuacións os xoves e venres de xullo e agosto (agás os días 25 e 26 de xullo) nos que teñen cabida o neo-tradi e o electropop, a música urbana e os ritmos tropicais, e tamén a psicodelia e a electrónica. Atardecer no Gaiás forma parte da campaña CulturON da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude con máis de 30 actividades diarias para o verán en toda a xeografía galega.

En xullo, ademais de Lucho RK e De Ninghures, actuarán na Cidade da Cultura as rapeiras Flow do Toxo coa súa mestura de tradición galega, reivindicación feminista e electrónica; os madrileños Naked Family e o seu pop-rock hipnótico; a célebre cantora e compositora galega Ugia Pedreira e Mandale Mecha, furacán arxentino-brasileiro que fusiona electrónica, rap e ritmos latinos.

Atardeceres de agosto

No mes de agosto haberá dez atardeceres musicais para gozar sen présa ao aire libre no Gaiás. O DJ e produtor portugués Branko abre o escenario o xoves 1 de agosto coa súa electrónica refinada. Séguelle o galego Amoebo e a súa idea de reconstruír a verbena galega mesturando pop dos 80, ritmos latinos e temas do día a día da xuventude.

O folk progresivo de Faneka, chegadas de Cataluña, e a cumbia urbana de Cosmic Wacho, nacida en Málaga cun pé na Arxentina serán os seguintes en actuar na Cidade da Cultura. A novísima agrupación Alana, gañadores do certame Xuventude Crea 2023 na categoría de Música, debutan no Gaiás co seu folk pop e os madrileños Carrera Blanca traen ritmos de punk para cantar sobre problemáticas da vida adulta nun ton desenfadado.

Escoitaremos tamén o rap rural de Bewis de la Rosa, que reivindica as súas orixes manchegas e as virtudes dunha vida afastada do crecemento e a acumulación desmedida. Atardecer no Gaiás pecha con tres versións moi diferentes do estilo pop: o urbano e trangalleiro dos galegos ALARIDO, o indie alegre e desenfadado do ponteareán Santi Araújo e o electropop da madrileña Rocío Saiz.

Todos os concertos son ás 21,00 horas na Praza central da Cidade da Cultura, con entrada libre e de balde.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/07/2024