A Xunta nomea director da Casa de Galicia en Madrid ao xornalista Luis Ramos

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2024

O xornalista Luis E. Ramos vén de ser nomeado director da Casa de Galicia en Madrid.

Coa designación de Luis Ramos, o Executivo que preside Alfonso Rueda pretende consolidar o papel da Casa de Galicia en Madrid como espazo de representación institucional da Xunta de Galicia na capital de España.

Natural da Coruña, onde naceu en 1972, Luis E. Ramos é licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Pontificia de Salamanca.

Tras colaborar co xornal La Voz de Galicia e traballar na emisora da Cadea COPE na Coruña, en 1998 comeza a súa traxectoria nos medios públicos de Galicia. Foi redactor do Gabinete de Comunicación da CRTVG e dos programas especializados O Agro e Labranza.

Nos servizos informativos da TVG traballou na delegación da Coruña e, desde 2004, na de Madrid.  Alí cubriu os principais acontecementos da política española e, como enviado especial, deu conta de importantes acontecementos da política internacional.

Data de actualización: 02/07/2024