Fabiola García aborda coa Rede Galega contra a Pobreza os avances da Xunta en materia de inclusión social

A conselleira e os responsables de EAPN-Galicia coincidiron na importancia de garantir a estabilidade financeira das entidades

Tamén compartiron a necesidade de traspasar o IMV a Galicia para simplificar o acceso ás rendas de inclusión

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse esta mañá coa directiva da Rede Galega contra a Pobreza (EAPN-Galicia). No encontro abordaron os avances da Xunta de Galicia na loita contra a pobreza e a desigualdade.

A conselleira e os responsables de EAPN-Galicia destacaron a importancia de que as entidades do terceiro sector conten con estabilidade financeira para desenvolver a súa actividade. Este ano, o Goberno galego inviste a cifra récord de 153 millóns de euros en inclusión social.

Fabiola García aproveitou para dar conta da súa recente reunión co Goberno central para solicitar o traspaso a Galicia da xestión íntegra do Ingreso Mínimo Vital (IMV), co obxectivo de axilizar a súa tramitación e garantir a compatibilidade coa Renda de inclusión social de Galicia (Risga). Un obxectivo que tamén compartiu a directiva da Rede Galega contra a Pobreza.

Deste traspaso depende a nova Lei de inclusión, coa que a Xunta quere impulsar a loita contra a pobreza e seguir promovendo medidas ambiciosas contra a desigualdade da man das entidades sociais. Neste sentido, o Goberno galego e EAPN-Galicia coincidiron, ademais, na vontade de reforzar a coordinación co resto de departamentos do Goberno galego en canto a políticas de emprego e vivenda.

Agradecemento ao labor das entidades

A conselleira aproveitou o encontro cos responsables da Rede Galega contra a Pobreza para agradecer o labor das entidades que a conforman. Na reunión participaron a presidenta de EAPN-Galicia, Ana Pardo (Provivenda), o vicepresidente, Javier Hermida (Federación Alzheimer Galicia), a secretaria, Ana Álvarez (Fundación Érguete-Integración), o tesoureiro, Miguel Rodríguez (Fundación Esplai), o vogal Ignacio Rodríguez (COGAMI), e o director de EAPN-Galicia, Xosé Cuns. Por parte da Xunta, ademais da conselleira, estiveron o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, e a secretaria xeral Técnica, María Francisca Gómez Santos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/07/2024