A Xunta mellora a acreditación de probas en caso de agresión sexual ao potenciar a colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e o Instituto de Medicina Legal de Galicia

Os procedementos previstos incidirán na garantía da cadea de custodia na recollida de mostras e outras evidencias que poidan contribuír á acreditación das violencias sexuais

Profesionais do Instituto de Medicina Legal de Galicia formarán persoal da sanidade pública galega na atención destes casos

O acordo marco de colaboración inclúe outras medidas no ámbito da morte súbita de persoas novas e da atención do suicidio

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2024

As consellerías de Presidencia, Xustiza e Deportes e de Sanidade informaron hoxe no Consello da Xunta da próxima sinatura dun novo acordo marco que permitirá afondar na colaboración entre o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e o Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) para mellorar a atención a vítimas de agresión sexual. 

Actualmente o Sergas aplica o procedemento aprobado polo Observatorio Galego de Violencia de Xénero, cunha asistencia en condicións de privacidade, seguridade e confidencialidade en coordinación co persoal médico forense do Imelga. Para mellorar o proceso desde o punto de vista probatorio, abrirase unha liña permanente de colaboración para que a recollida de mostras e outras evidencias poidan contribuír á acreditación das violencias sexuais e que se garanta a cadea de custodia. 

Neste sentido, está previsto mellorar os partes de lesións grazas á experiencia compartida entre ambas as entidades e coa intervención da Comisión de Documentación Clínica do Sergas. Desta forma, os partes adaptaranse ás diversas casuísticas que se poden dar nas situacións de violencia ou agresión sexual, incluíndo a violencia na infancia e adolescencia. 

Outro ámbito de colaboración será a formación específica do persoal do Sistema público de saúde de Galicia implicado na atención destes casos. Así, a acreditada experiencia do persoal do Imelga pode resultar moi valiosa e enriquecedora de cara á mellora das capacidades dos profesionais da sanidade pública, mesmo coa posibilidade de establecer rotacións na formación dos médicos internos residentes (MIR) nese ámbito.

Xenética e saúde mental

Este acordo marco tamén inclúe a prevención da morte súbita a través de estudos xenéticos, xa que o Sergas dispón dunha unidade de referencia para o Sistema nacional de saúde para o manexo de pacientes con cardiopatías familiares, situada no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. 

Ante a morte inesperada ou morte súbita dunha persoa menor de 40 anos, é importante identificar miocardiopatías ou canalopatías con causa xenética para axudar os familiares vivos a prever outros casos. Iso conseguirase mediante a análise dunha mostra de sangue da persoa falecida e o establecemento dun protocolo para a derivación de pacientes a estudo xenético con autopsia médico-legal.

No marco do Plan de saúde mental de Galicia inclúese a automatización do intercambio de datos entre o Imelga e o Sergas en materias como a prevención e posvención de suicidios ou as mortes como consecuencia de reaccións adversas a drogas de abuso. 

A Estratexia galega de saúde 2030 recolle o fomento da colaboración intersectorial e entre consellerías dentro das súas competencias e, así, as dúas entidades autonómicas colaborarán tamén na mellora da xestión dos certificados de defunción e en proxectos de investigación conxunta en materias de interese sanitario.

Data de actualización: 01/07/2024