Diego Calvo recibe ao equipo feminino do Pescados Rubén Burela tras acadar o seu sexto campionato de liga e ao masculino polo ascenso a primeira división

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes destacou que o equipo feminino sitúase cos seis títulos ligueiros ao nivel do Futsi Atlético Navalcarnero e o Femesala Elche, ademais de contar cun extenso palmarés con, entre outros campionatos, seis Supercopas de España, seis Copas da Raíña, sete Copas de Galicia ou unha Champions

Destacou a boa saúde do fútbol sala galego con cinco equipos na máxima categoría feminina e a próxima tempada con outros dous na masculina, ao incorporarse o Burela FS ao Noia Portus Apostoli FS tras o seu ascenso

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, recibiu hoxe na Cidade da Cultura ás xogadoras e corpo técnico e directivo do equipo feminino do Pescados Rubén Fútbol Sala despois de que conseguiran a semana pasada o seu sexto campionato de liga da Primeira FS Iberdrola e tamén aos integrantes do equipo masculino polo seu ascenso a mediados de xuño á Primeira División, ao vencer na eliminatoria ao UMA Antequera. Ao acto tamén asistiron o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.

Na recepción, Diego Calvo resaltou que, no caso do cadro feminino, coa vitoria no terceiro e definitivo partido dos playoffs co Futsi Atlético Navalcarnero, o equipo burelés iguala o palmarés de campionatos de liga deste club e do Femesala Elche, o que supón un broche de ouro a unha tempada na que tamén acadaron en febreiro a súa sétima Supercopa de España.

De feito, ademais das seis Ligas e as sete Supercopas de España, o cadro feminino do Pescados Rubén Fútbol Sala conta con sete Copas Xunta de Galicia e, a nivel europeo, unha Champions e unha Recopa de Europa. Ademais, foi catalogado en 2021 e 2033 nas entregas do Futsal Planet Awards como o mellor equipo de fútbol sala feminino do mundo e galardoado e en 2022  das Medallas Castelao.

O conselleiro de Deportes agradeceu a todas as persoas que traballan polos éxitos deste equipo e felicitou ao equipo masculino porque a próxima tempada volverá a competir na máxima categoría tras o ascenso de hai unhas semanas.

Na súa intervención puxo en valor o nivel do fútbol sala galego, xa que na máxima categoría feminina -a Primeira FS Iberdrola- haberá cinco equipos galegos -xunto co Pescados Rubén Burela Futsal, estarán o Poio Pescamar, Ourense Ontime, Ence Marín Futsal e FSF Castro- e na Primeira División masculina o Burela súmase ao Noia Portus Apostoli FS.

Por iso, Diego Calvo incidiu en que ambos equipos do Pescados Rubén Burela son os mellores embaixadores e embaixadoras de Galicia e do deporte galego e os mellores referentes e exemplos para os nenos e nenas, tanto os que queren dedicarse ao deporte como para inculcar o hábito de realizar exercicio físico e valores como o compañeirismo e o esforzo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/07/2024