O delegado territorial da Xunta e a alcaldesa participaron esta mañá na inaguración das instalacións deportivas

Manuel Pardo destaca a piscina de Boborás como un elemento que mellora da calidade de vida da veciñanza

O delegado territorial sinalou que a colaboración entre a Xunta de Galicia e o concello de Boborás permitiu dotar a este municipio ourensán da súa primeira piscina pública municipal grazas ao acordo asinado en 2022 dentro do Plan Hurbe

As instalacións supuxeron un investimento de 650.000€; a Administración autonómica asumiu o 70 % do custo da nova piscina e o concello de Boborás, o 30 % restante

Manuel Pardo destacou a importancia que teñen para os concellos determinados proxectos urbanísticos polo seu papel dinamizador e para o desenvolvemento social e cultural da contorna

Ourense, 01 de xullo de 2024

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acompañado da alcaldesa, Patricia Torres, e da vicepresidenta Primeira da Deputación Provincial, Marta Nóvoa, desprazouse esta mañá ao concello de Boborás para participar na inauguración da piscina municipal; “que dá cumprimento a unha vella demanda veciñal e sirve de exemplo de dinamización e de oportunidades aos concellos do interior da provincia”, mantivo Manuel Pardo.

O delegado territorial sinalou que a colaboración entre a Xunta de Galicia e o concello de Boborás permitiu dotar a este municipio ourensán da súa primeira piscina pública municipal grazas ao acordo asinado en 2022 entre a Xunta e o Goberno municipal no marco do chamado Plan Hurbe.

Así, cun investimento comprometido en virtude do referido convenio de máis de 650.000 euros, a Administración autonómica asume o 70 % do custo da nova piscina e o concello de Boborás, o 30 % restante.

As instalacións deportivas ocupan unha parcela de 13.506 metros cadrados, destinada antes a campo de fútbol, e constan de 2 vasos de auga (un para adultos e outro para nenos) cunha zona de praia en formigón armado e con tratamento especial para evitar esvarar. Así mesmo, tamén se construíu unha edificación anexa para ofrecer servizo de bar, con área de vestiarios e enfermería e un cuarto para instalacións diversas e almacén.

Manuel Pardo destacou a importancia que teñen para os concellos determinados proxectos urbanísticos pola súa incidencia na mellora da calidade de vida da veciñanza, e resaltou  que os equipamentos urbanos desempeñan tamén un papel fundamental como factor dinamizador para o desenvolvemento social e cultural e se converten, á vez, en elementos estruturais da contorna.

Neste sentido, lembrou que grazas aos acordos de cooperación asinados no marco do Plan Hurbe desde o ano 2010 se executaron ou comprometeron un total de 165 actuacións urbanísticas na provincia de Ourense, co obxectivo común de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor contornas urbanas e núcleos rurais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/07/2024