A Xunta solicita ao Consello Consultivo de Galicia que valore a posibilidade de que o Goberno galego recorra a Lei de amnistía

Entrega un completo análise da normativa que amosa as razóns para presentar un recurso de inconstitucionalidade

Rueda salienta que a lei aprobada polo Goberno central contradí varios artigos da Carta Magna e ademais é arbitraria, choca contra o principio de igualdade e vulnera a separación de poderes

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2024

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Goberno autonómico acaba de solicitarlle ao Consello Consultivo de Galicia que emita un ditame sobre a posibilidade de que o Executivo galego “interpoña un recurso de inconstitucionalidade” contra a Lei orgánica 1/2024 de amnistía. 

Tal e como explicou Rueda, a xuridisprudencia recoñece o dereito das comunidades autónomas a interpoñer recursos de inconstitucionalidade non só para a defensa de competencias propias senón para o restablecemento da orde xurídica constitucional. 

O presidente salientou que, tras un amplo traballo de documentación, o obxectivo da Xunta é poder recorrer a Lei aprobada polo Goberno central ao considerar a Asesoría Xurídica que esta Lei orgánica contradí artigos da Constitución como o 9.1, que establece que todos os cidadáns e poderes públicos estarán sometidos á Carta Magna e ao resto do ordenamento xurídico. 

Ademais, Rueda fixo fincapé en que, segundo a Asesoría Xurídica, se trata dunha lei arbitraria, que choca frontalmente co principio de igualdade, que vulnera “o principio de separación de poderes” -ao deixar sen efecto decisións firmes adoptadas polo poder xudicial- e que atenta contra o principio de seguridade xurídica ao actuar nun eido tan “amplo e indeterminado”.

A Xunta elevou un recurso ao Consultivo no que se analiza tanto a Lei no seu conxunto como individualmente os seus artigos e que conclúe que existen razóns para que a comunidade actúe na defensa do Estado de Dereito.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/07/2024