Rueda destaca que a Xunta executa a totalidade dos 200 M€ que recibiu Galicia para este período da PAC e beneficia a máis de 24.100 gandeiros e agricultores

Salienta ao Goberno autonómico coma exemplo de “axilidade e boa tramitación”

A Xunta aboou en xuño os últimos importes, que se conceden a agricultores ou gandeiros que subscriban, de forma voluntaria, compromisos beneficiosos para o desenvolvemento sustentable

A conselleira do Medio Rural salienta “o compromiso” dos agricultores e gandeiros galegos coa protección da natureza e a sostibilidade

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe que Galicia xa executou “o 100%” dos máis de 211 millóns de euros que recibiu Galicia para este período da PAC, que permiten beneficiar “a máis de 24.100 solicitantes”. Rueda salientou que, deste xeito, o Goberno galego é “un bo exemplo” de “axilidade e boa tramitación” das axudas.

Así o indica o proxecto de acordo sobre a tramitación dos pagamentos das axudas agroambientais avaliado hoxe polo Consello da Xunta, dado que nos últimos días do mes de xuño se fixo efectivo o pagamento de preto de 25 millóns vinculados a estas achegas, o que supón case 5 millóns máis con respecto á campaña anterior. 

Tal e como explicou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, as axudas agroambientais son aquelas que se lles conceden a agricultores ou gandeiros que subscriban, de forma voluntaria, compromisos beneficiosos para o desenvolvemento sustentable, a xestión eficiente de recursos naturais, a protección da biodiversidade, a potenciación dos servizos ecosistémicos ou a conservación dos hábitats e as paisaxes. 

Estes compromisos poden referirse a cuestións como a xestión de pastos, a economía circular ou os cultivos sustentables. Inclúen tamén compromisos ecolóxicos -como a agricultura, o viñedo, a gandaría e a apicultura- e compromisos de conservación, vinculados co fomento e coa conservación de razas e variedades autóctonas. Teñen como finalidade compensar os custos adicionais e as perda de ingresos como consecuencia dos compromisos subscritos. 

A conselleira explicou que nesta ocasión son case 6.000 as explotacións beneficiadas por este tipo de achegas, o que amosa o “compromiso coa natureza” dos agricultores e gandeiros galegos, un sector que, lembrou “protexe o noso territorio” e que é fundamental para a economía do rural galego.

Con respecto aos diferentes pagamentos da PAC da actual campaña, a Consellería do Medio Rural realizou, a finais de 2023, o pagamento da maior parte dos importes: case 140 millóns de euros. Así mesmo, a finais do mes de maio completouse o pagamento da totalidade do importe da axuda dos ecorréximes, o que supuxo o desembolso de case 17 millóns de euros. 

Ademais, na segunda quincena do mes de xuño, a Xunta comprometeuse a facer efectivos os pagamentos pendentes das axudas directas, que non podían ser executados na súa totalidade ata ter o valor dos importes unitarios que facilita o Ministerio. Neste mesmo período, polo tanto, tamén se efectuou o pagamento dos preto de 25 millóns de euros das axudas agroambientais, o que beneficiou un total de 5.930 expedientes.

Por outra banda, a conselleira informou de que para a vindeira campaña da PAC 2024 xa se recibiron unhas 23.400 solicitudes e que a Xunta volverá a reclamar reducir a carga burocrática á hora de pedir este tipo de achegas que, asegurou, “son de vital importancia para Galicia”. Así mesmo, seguirase solicitando tamén unha maior adaptabilidade do PEPAC (Plan Estratéxico da PAC) á realidade galega.

 


 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/07/2024