Rueda salienta que a Xunta activa 18 M€ para que o sector galego da automoción continúe á vangarda con apoios a proxectos de investimento e eficiencia enerxética

Destaca que o obxectivo é apoiar á industria “nunha das súas grandes transformacións” nesta fase de transición cara unha mobilidade sostible

Os apoios cobren tanto os custos de investimento en equipamentos ou elaboración de proxectos de futuro como os proxectos de renovables ou de aforro e eficiencia enerxética

As axudas serán do 70% e ata un máximo de 300.000€ para os proxectos de investimentos en equipamentos ou elaboración de proxectos de futuro

 Para actuacións en proxectos de aforro e eficiencia enerxética, os apoios van do 35% ao 55%, en función da tipoloxía de empresa, e ata o 65% para proxectos de enerxías renovables, establecéndose unha axuda máxima de 700.000€

O presidente salienta que se reforza así a aposta por un sector fundamental da economía de Galicia, “que suma máis de 200 empresas e preto de 25.000 empregos”, e que conforma unha das cadeas de valor máis completas de Europa

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que o Goberno galego, a través da Consellería de Economía e Industria, activa unha nova liña de apoio extraordinario ao sector da automoción de Galicia para o ano 2024 co obxectivo de apoiar á industria “nunha das súas grandes transformacións” como é a transición á mobilidade sostible.

O Consello da Xunta coñeceu hoxe deste programa que contará cun orzamento de 18 millóns de euros para este ano na procura de potenciar a colaboración coa automoción galega promovendo unha cadea de valor dixital, verde e resiliente, capaz de facer fronte “aos retos importantes” que hai por diante e que implican “investimentos” para toda a cadea de valor.

A nova liña de axudas, en concorrencia non competitiva, da resposta ás situacións da industria da automoción de Galicia nesta transición. Para acadar a meta, o programa contribúe a facer fronte aos gastos das empresas este mesmo ano. 

Así, tal e como explicou o presidente, para os proxectos de investimentos en equipamentos ou elaboración de proxectos de futuro, “as axudas serán do 70%, cun máximo de 300.000 euros”. E para actuacións en proxectos de aforro e eficiencia enerxética, “os apoios van do 35% ao 55%”, en función da tipoloxía de empresa, e ata o 65% para proxectos de enerxías renovables, establecéndose unha “axuda máxima de 700.000 euros”. 

O prazo de presentación de solicitudes abrirá o vindeiro 8 de xullo, permanecendo activo ata o 31 de outubro no caso dos proxectos de futuro e de investimento en equipamentos, e ata o 2 de setembro para as iniciativas centradas na eficiencia enerxética e nas renovables. 

Deste xeito, a Xunta reforza a súa aposta por un sector fundamental da economía de Galicia “ao representar máis do 13% do PIB, que suma máis de 200 empresas e preto de 25.000 empregos”, indicou Rueda. A automoción galega sempre ten estado á vangarda do sector con iniciativas orientadas cara o automóbil do futuro. 

Cómpre lembrar que o sector afronta unha das transformacións máis grandes da súa historia, na que a transición xusta ou a electrificación son puntos centrais do cambio de paradigma. Un escenario no que a Unión Europea fixou no 2035 a data para que os novos turismos e furgonetas no mercado sexan de cero emisións.

Sobre esta base, as empresas automobilísticas galegas están a dar os pasos necesarios cara unha mobilidade con máis infraestruturas; na que se impulsen os vehículos non contaminantes; máis intelixente; máis eficiente e segura; e más competitiva. Un contexto no que esta nova liña busca facilitar esta transición, actuando como un primeiro escudo de apoio. 

Ademais, a Xunta traballa no plan director da automoción, que recollerá as medidas, mecanismos e medios necesarios para reforzar un sector no que Galicia xa é un referente, fomentar a súa internacionalización e sustentabilidade, impulsar a innovación industrial, captar novos investimentos e incrementar o emprego.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/07/2024