A Xunta aproba o manifesto que asinará mañá de xeito conxunto coa CCDR-N para reclamar o impulso do AVE entre Galicia e Portugal

Rueda resalta que a alta velocidade Vigo-Porto-Lisboa é “un asunto absolutamente capital” que contribúe á vertebración territorial e ao desenvolvemento social e económico de España e Portugal

O texto foi remitido ás entidades territoriais da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, confederacións de empresarios, organizacións sindicais e outros organismos de cooperación transfronteiriza para a súa adhesión

Demanda dar prioridade a saída sur de Vigo que permitiría conectar “nunha hora” esta cidade con Porto

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe o manifesto conxunto entre a Xunta e a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional Norte de Portugal (CCDR-N), Conexión Galicia-Portugal de alta velocidade: unha prioridade evidente. O texto recolle unha clara defensa do impulso da liña de alta velocidade ferroviaria Vigo-Porto-Lisboa, ao considerarse “un asunto absolutamente capital” e unha infraestrutura estratéxica que contribúe á vertebración territorial e ao desenvolvemento social e económico de España e Portugal.

Tal e como explicou Rueda, o manifesto aprobado hoxe asinarase de maneira pública mañá na localidade portuguesa de Valença e “xa foi remitido nos últimos días para a súa adhesión” ás entidades territoriais da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, confederacións de empresarios, organizacións sindicais  e outros organismos de cooperación transfronteiriza.

O apoio á conexión ferroviaria de alta velocidade entre Galicia e Lisboa -lémbrase no texto- xa fora aprobada en sucesivos cumios ibéricos entre os Gobernos de España e Portugal, nos que se recoñeceu a prioridade desta infraestrutura. No último cumio celebrada en marzo de 2023 en Lanzarote ambos executivos comprometéronse a potenciar as actuacións da infraestrutura, en especial o Corredor Atlántico.

Tamén o Goberno galego e o portugués renovaron este compromiso no encontro celebrado o pasado 23 de maio entre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o ministro de infraestruturas luso, Miguel Pinto, xunto co presidente da CCDR-N, António Cunha. Nesta reunión fixouse a data de posta en servizo en 2032. “Faltan avances polo lado español que equilibren o manifestado polo Goberno portugués”, sinalou Rueda.

Ademais,  a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal xa viña reclamando desde hai unha década a liña de alta velocidade Vigo-Porto-Lisboa, que tanto para a Xunta como para a CCDR-N supón unha actuación prioritaria.

Por outra parte, o documento que se asinará mañá pon de manifesto a necesidade de que as conexións ferroviarias estean acompañadas do orzamento preciso e dun calendario realista que permita levar a cabo as obras nos prazos comprometidos. Polo tanto, requírese unha programación completa de  actuacións, investimentos e fitos para desenvolver a conexión Vigo-Porto, dando prioridade á saída sur de Vigo. “Pedimos que Vigo e Porto queden conectadas por alta velocidade nun máximo dunha hora, e mentres non se cumpra este fito, no ano 2032” é preciso “mellorar o actual tren Celta”, apuntou o presidente da Xunta.

Así, entre outros asuntos recollidos no texto inclúese a necesidade de actualizar con urxencia este tren entre Vigo e Porto que non ofrece un servizo en óptimas condicións mentres non se materialice o Eixo Atlántico. O obxectivo é facer posible unha viaxe dun máximo dunha hora que actualmente se prolonga ás dúas horas e media e con material obsoleto.

Por último, incídese na prioridade da conexión da alta velocidade Galicia-Portugal sen prexuízo doutras conexións que tamén poden ter a súa razón de ser pero sempre que se afronten cunha visión ampla, integradora, estruturada e coordinada. 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/07/2024