A Xunta reforza a colaboración con entidades sociais de Galicia para garantir a protección das persoas consumidoras máis vulnerables

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asinou hoxe en Santiago de Compostela convenios de colaboración con nove asociacións para o desenvolvemento de actividades de carácter formativo e informativo

A sinatura tivo lugar no marco dunha xuntanza de traballo con diferentes colectivos representativos das persoas máis vulnerables para identificar liñas de traballo futuras dirixidas a reforzar a protección no eido do consumo

Desenvolveranse máis de 50 talleres formativos sobre temáticas como os dereitos básicos das persoas consumidoras e usuarias, os servizos financeiros ou a subministración de enerxía

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2024

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración está a impulsar e reforzar a colaboración con diferentes entidades sociais para garantir a protección das persoas consumidoras máis vulnerables. Así, o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, participaron hoxe nunha reunión de traballo con diferentes asociacións representativas de colectivos vulnerables para identificar liñas de traballo dirixidas á protección destes colectivos no eido do consumo.

Nesta xuntanza asináronse convenios de colaboración para o desenvolvemento conxunto de actividades de carácter formativo e informativo con Cáritas Diocesana de Santiago, Lugo, Mondoñedo-Ferrol, Ourense e Tui-Vigo; Once-Galicia, Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (Fegaus); o IV Ciclo da Universidade de Santiago de Compostela e a Asociación Provivienda.

A través da cooperación con estas organizacións está prevista a realización de máis de 50 talleres sobre diferentes temáticas que se poderán impartir de xeito telepresencial e/ou presencial entre os meses de maio e decembro, e que inclúen a formación de formadores dirixida a entidades e persoas colaboradoras, técnicos e persoal de atención para que poidan difundir as prácticas de consumo responsable entre os distintos colectivos usuarios e chegar ao maior número de persoas posible.

En canto ás temáticas, abordaranse os dereitos básicos das persoas consumidoras, o endebedamento, os servizos financeiros e as distintas problemáticas relacionadas cos servizos de subministración de enerxía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/07/2024