A Xunta de Galicia apoia a dez voces emerxentes na IV Residencia Literaria da Cidade da Cultura

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, resaltou durante o acto de benvida a importancia de apoiar o talento novel na narrativa galega contemporánea

Nesta edición, os residentes contarán coa colaboración de dous escritores que están despuntando no panorama literario actual: Irene Solà e Brais Lamela

A iniciativa forma parte da campaña CulturON, que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten en marcha este verán con máis de 30 actividades diarias

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, acompañado pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, deulle hoxe a benvida ás persoas participantes na IV Residencia Literaria que a Xunta de Galicia programa no Gaiás desde hoxe ata o 13 de xullo. Trátase dunha iniciativa na que participan unha decena de autores emerxentes e que forma parte da campaña CulturON que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten en marcha este verán con máis de 30 actividades diarias.

Así, nestas semanas, as persoas participantes poderán nutrir a súa escrita man a man cos seus compañeiros, co director, Javier Peña, e cos autores convidados desta edición: a catalá Irene Solà e o galego Brais Lamela. A residencia eríxese como un espazo de aprendizaxe en común aberto á análise, á crítica e ao eloxio a través do que impulsar proxectos literarios incipientes.

Neste senso, Anxo M. Lorenzo salientou a importancia de seguir apoiando o talento emerxente na literatura galega desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Varios participantes en anteriores edicións da Residencia están sobresaíndo no panorama literario galego e nacional como é o caso de Sica Romero (Premio San Clemente de Novela), Fran Fernández Dávila (Premio de Narrativa Breve Repsol) e o propio Brais Lamela (Premio El Ojo Crítico de RNE), que pasou de ser alumno a convidado.

Tal e como explicou o director xeral de Cultura, nesta edición, recibíronse un total de 83 propostas, o que supón un récord de participación desde os seus inicios. “Son traballos, todos eles, dunha gran calidade que representan o bo momento que está a vivir a nosa escrita”, apunto Anxo M. Lorenzo.

Novas voces para inspirar aos autores emerxentes

A escritora catalá Irene Solà tamén participará como convidada. É autora da popular novela Canto jo i la muntanya balla, traducida ao castelán (Canto yo y la montaña baila. Anagrama, 2019), o inglés, o francés, o alemán e o italiano, entre máis dunha vintena de linguas. Foi a primeira obra en catalán en gañar o Premio de Literatura da Unión Europea en 2020, ademais dos premios Maria Àngels Anglada, Punt de Llibre de Núvol e Cálamo Otra Mirada. O seu libro de poemas Bèstia (Premio de Poesía Amadeu Oller; Galerada, 2012) foi publicado en edición bilingüe castelán-catalán por La Bella Varsovia e tamén traducido ao inglés e ao italiano. A súa primeira novela, Els dics (L'Altra Editorial, 2018), publicada en castelán en Anagrama co título Los diques, gañou o Premio Documenta 2017. Et vaig donar ulls i vas mirar les tenebres (Deiche ollos e miraches as tebras, editada en galego por Kalandraka) é a súa última novela, un relato de historias e personaxes malditos máis alá do tempo que bebe do folclore rexional, o imaxinario e a tradición oral ao redor dos pactos co demo.

O lugués Brais Lamela, pola súa banda, é escritor, doutorando en Literatura e docente na Universidade de Yale (Estados Unidos). Con dezasete anos, recibiu unha bolsa para cursar o bacharelato internacional en Italia e desde entón reside no estranxeiro. Ninguén queda (Editorial Euseino?, 2022) é a súa primeira novela, coa que conseguiu o Premio da Crítica de Narrativa Galega 2022 e o Premio El Ojo Crítico de RNE de Narrativa en 2023, pola súa edición en castelán No queda nadie (Cuatro Lunas, 2023).

Este encontro, que materializa a aposta da Xunta de Galicia polo apoio á creación no campo das letras e da literatura dentro do programa de Residencias Artísticas do Gaiás (REGA), contou en edicións anteriores con outras escritoras sobresaíntes das letras galegas e españolas como Berta Dávila, Sara Mesa, Ledicia Costas, Marta Sanz, Brenda Navarro e Marilar Aleixandre.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/07/2024