Galicia e Portugal colaboran no desenvolvemento de sete proxectos piloto de infraestruturas verdes na Eurorrexión no marco do proxecto "Green Gap"

Durante a sexta reunión de coordinación da iniciativa, celebrada en Paredes de Coura, representantes do Instituto de Estudos do Territorio expuxeron os últimos avances no deseño do futuro Plan transfronteirizo da paisaxe para o Baixo Miño

O proxecto europeo, cun orzamento de 2,1 M€, tamén inclúe plans específicos no encoro das Cunchas, en Muíños, e nos montes veciñais de Verducido, en Pontevedra

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2024

Galicia e Portugal continúan avanzando no desenvolvemento dun total de sete proxectos piloto para a promoción das infraestruturas verdes a nivel local no marco da iniciativa transfronteiriza Green Gap, impulsada en 2023 e na que exerce o papel de coordinador o Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

A Cámara Municipal de Paredes de Coura organizou o mes pasado a sexta reunión de coordinación do proxecto para reunir nesta cidade portuguesa aos socios de ambas rexións e poñer en común o estado das diferentes accións que están levando a cabo de acordo á candidatura. Tamén se adoptaron varios acordos de cara aos próximos meses, particularmente no que atinxe aos proxectos técnicos que servirán de base para as accións piloto que se van levar a cabo en ambos territorios.

Durante a reunión, os representantes do IET explicaron os últimos avances na elaboración do Plan transfronteirizo da paisaxe para o Baixo Miño, que suporá un marco de planificación compartida entre Galicia e o Norte de Portugal para a posta en valor deste espazo compartido singular e de alto valor ambiental e paisaxístico e o deseño de accións de ordenación e mellora dos impactos detectados para mellorar a súa adaptación ao cambio climático.

Os outros dous pilotos que acollerá a comunidade galega no marco do Green Gap se desenvolverán na contorna do encoro das Cunchas, no concello ourensán de Muíños, e nun espazo de 94 hectáreas pertencente á comunidade de montes de Verducido, en Pontevedra, no que se crearán bandas de vexetación autóctonas a modo de cortalumes.

Visita á área fluvial do Taboão

A VI xornada de traballo do Green Gap celebrada en Paredes de Coura incluíu tamén unha visita á área fluvial do Taboão do río Coura, escollida para albergar outro dos sete proxectos piloto previstos e que permitiu aos asistentes achegarse aos problemas actuais e ás solucións propostas para este valioso entorno natural.

Cómpre lembrar que a finalidade da infraestrutura verde é a creación dunha rede de espazos e elementos que melloren a resiliencia ante o cambio climático, contribúan á conservación da biodiversidade e beneficien ás poboacións da contorna.

Deste xeito, o proxecto Green Gap para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal ten como obxectivo contribuír a que as administracións locais xoguen un papel máis relevante na promoción das infraestruturas verdes nesta área transfronteiriza.

Con tal fin, inclúe tres fases: unha primeira de planificación, unha segunda de desenvolvemento e implantación, na que se atopan inmersos os socios para acadar exemplos de boas prácticas en materia de infraestrutura verde e paisaxe resiliente, e unha terceira etapa para a formación e capacitación na materia. A maiores, inclúe tamén un conxunto de accións para a correcta comunicación e difusión dos resultados.

Cun orzamento de máis de 2,1 M€, financiado no marco do Programa Interreg España-Portugal (POCTEP 2021-2027), na iniciativa participan, ademais do IET, un conxunto de entidades locais, administracións supramunicipais con competencias nesta materia e entidades universitarias da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Pola parte galega están implicadas a Universidade da Coruña, o Concello de Pontevedra, a Deputación de Ourense e a Fundación CEER, mentres que do lado portugués forman parte do proxecto a Cámara de Paredes de Coura, a Universidade do Minho, a Cámara de Guimarães, o Laboratorio da Paisagem de Guimarães así como a Agência Portuguesa do Ambiente e o Instituto da Conservação da Natureza das Florestas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/07/2024