A ‘Etapa Popular Camiño da Costa’ congrega en Vigo a ducias de persoas e confirma “o auxe da ruta Xacobea que máis medra” en Galicia

A Xunta organizou este domingo a iniciativa cun tramo de 20 quilómetros que discorre polo municipio vigués, entre as parroquias de Saiáns e Teis

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, destacou a beleza da ruta e o seu “importante auxe” neste 2024

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou os estudos que indican que “os peregrinos consumen na nosa comunidade tres veces máis que os visitantes”

A delegada da Xunta, Ana Ortiz, cualificou a convocatoria como un “rotundo éxito” e recomendou percorrer o trazado para “descubrir un paisaxe marabilloso”

Vigo, 30 de xuño de 2024

A primeira edición da Etapa Popular Camiño da Costa por Vigo celebrouse este domingo, 30 de xuño, cun percorrido polo tramo da peregrinación xacobea par confirmar que a ruta que atravesa o municipio vigués está a experimentar un “incremento espectacular” neste ano 2024. Así o afirmou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, que asistiu á iniciativa da Xunta de Galicia xunto á delegada territorial, Ana Ortiz, e o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles.

Preto de 200 persoas partiron a primeira hora da mañá desde a parroquia de Saiáns para percorrer o trazado de 20 quilómetros que cruza Vigo, desde Nigrán ata Redondela. Os participantes foron trasladados en autobús desde a Delegación Territorial ata o punto de saída para completar unha andaina que combina as zonas rurais de Saiáns e San Miguel de Oia co casco urbano da cidade, pasando por sendas coma a do río Lagares e áreas históricas como o Casco Vello.

María Martínez Allegue destacou a beleza do trazado e destacou os datos que apuntan a un importante aumento na afluencia de peregrinos. “É un camiño moi fermoso que está experimentando un auxe importante este ano, polo que animamos a todos os camiñantes a que realicen a ruta”, sinalou a conselleira

Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia ratificou que se trata da ruta que “máis medra” e apostou por un novo récord en 2024. “Os estudos que temos indican que un peregrino consume tres veces máis que un visitante, está máis tempo no territorio e no caso do Camiño da Costa o 85% son estranxeiros, que fan un gasto de 150 euros diarios”, sinalou Xosé Merelles.

Ademais, Ana Ortiz celebrou o “rotundo éxito” da convocatoria e lembrou que a iniciativa tivo como obxectivo mostrar á cidadanía viguesa o marabilloso roteiro ao seu paso polo municipio”. A delegada da Xunta engadiu que “o Camiño da Costa é un dos nosos grandes patrimonios culturais, porque o Camiño tamén é patrimonio de todos os vigueses”.

Percorrido

O percorrido atravesou as parroquias de Saiáns, San Miguel de Oia, Coruxo, Balaídos, Castrelos, As Travesas e Casco Vello ata finalizar en Teis. Ao finalizar a etapa houbo tamén servizo de buses que achegaron aos participantes de novo ao edificio administrativo da Xunta. Na iniciativa colaboraron a Federación Provincial de Comerciantes, a Federación Empresarial de Turismo e Hostalería de Pontevedra, Amigos dos Pazos, Vodea, Coca-Cola e Gadis.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/06/2024