O presidente da Xunta participou no acto de entrega de medallas ao mérito de Protección Civil

Rueda resalta a importancia de Protección Civil para o benestar e a seguridade de todos os galegos

“Creo que temos moitas razóns para estar orgullosos da nosa Protección Civil, eses milleiros de persoas que traballan como en ningunha outra comunidade autónoma”, indicou

O Goberno galego leva investidos en Emerxencias máis de 22 M€ desde 2009 en axudas para custos de financiamento, formación e dotación de material e equipamento

A Estrada (Pontevedra), 29 de xuño de 2024

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou hoxe o labor levado a cabo polo corpos de Protección Civil para o benestar e a seguridade de todos os galegos, “homes e mulleres que entregan o seu tempo e se ocupan de algo que ás veces non valoramos ata que o necesitamos”, indicou.

Así o salientou esta mañá na Estrada, no acto de entrega de medallas ao mérito de Protección Civil, no que estivo acompañado polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo. No acto concedéronse as distincións outorgadas en 2023 e en 2024, recoñecendo así a 79 voluntarios que cumpriron 25 anos de servicio, e entregándose 21 medallas de bronce, 8 medallas de prata -unha delas a título póstumo- 3 placas de prata e 2 medallas de ouro: unha do ano 2023 para Manuel Silva (a título póstumo) e unha do ano 2024 para Carlos García Touriñán.

“Creo que temos moitas razóns para estar orgullosos da nosa Protección Civil, eses milleiros de persoas que traballan como en ningunha outra comunidade autónoma”, manifestou o titular do Goberno galego, ao mesmo tempo que resaltou o incremento de voluntarios nos últimos anos.

O Goberno galego leva investidos en Emerxencia máis de 22 millóns de euros desde 2009 en axudas para custes de financiamento, formación de voluntarios e dotación de material e equipamento. Neste sentido, o presidente remarcou o compromiso do Executivo de seguir contribuíndo a á formación e dotación do material preciso.

Por último, agradeceu tamén o labor levado a cabo polos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, as Forzas Armadas e os concellos, “formamos un gran equipo”, e destacou a Academia Galega de Seguridade Pública, onde se celebrou o acto, como un “centro segue a ser unha referencia nesta capital galega das emerxencias”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/06/2024