A primeira edición da ‘Etapa popular Camiño da Costa’ en Vigo celébrase este domingo entre as parroquias de Saiáns e Teis

A delegada territorial, Ana Ortiz, invita á cidadanía a participar na marcha aberta de 20 quilómetros para descubrir a ruta xacobea ao seu paso pola cidade

Vigo, 29 de xuño de 2024

A primeira edición da Etapa Popular Camiño da Costa por Vigo celébrase este domingo, 30 de xuño, cun percorrido polo tramo da peregrinación xacobea que atravesa o municipio vigués o obxectivo de mostrar á cidadanía viguesa o roteiro dos peregrinos ao seu paso pola cidade. Na andaina está previsto que participen a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, así como a delegada territorial, Ana Ortiz, e o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles.

O punto de encontro será na fachada da Delegación Territorial de Vigo (rúa Concepción Arenal, 8) ás 8,15 horas. Desde aquí realizarase o traslado en autobús de todos os participantes ata a parroquia de Saiáns, onde estará o punto de saída ás 09:00 horas (glorieta do Camiño Cal do Outeiro). Na iniciativa colaboran a Federación Provincial de Comerciantes, a Federación Empresarial de Turismo e Hostalería de Pontevedra, Amigos dos Pazos, Vodea, Coca-Cola e Gadis.

Percorrido

O percorrido comezará en Saiáns, na estrada PO-552, e finalizará en Teis, atravesando as parroquias de Oia, Coruxo, Balaídos, Castrelos, As Travesas e Casco Vello, cun tramo de aproximadamente 20 quilómetros. Ao finalizar a etapa haberá tamén servizo de buses que achegarán aos participantes de novo ao edificio administrativo.

“Esperamos ter unha grande participación co obxectivo de difundir un dos nosos grandes patrimonios culturais, porque o Camiño tamén é patrimonio de todos os vigueses”, destacou a delegada territorial. Ademais, sinalou que os peregrinos supoñen a día de hoxe "un importante valor para a promoción turística da nosa cidade e os números de visitantes demostran que nunha porcentaxe moi alta son peregrinos”, indicou Ana Ortiz.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/06/2024