A Xunta inicia este luns 1 de xullo a primeira fase das obras de renovación do pavimento da autovía do Barbanza

Esta primeira fase de reforzo do firme na AG-11 consistirá na reparación de puntos ou zonas singulares onde se identifique un deterioro acentuado

As obras motivarán afeccións ao tráfico, que entre os días 1 e 4 de xullo afectarán a ramais do enlace de Pobra Norte, para o que se disporán itinerarios alternativos de circulación

Entre os días 5 e 8 actuarase no enlace de Pobra Sur, no ramal de conexión da AG-11 coa AC-305 e os días 9, 10 e 15 están previstas reparacións puntuais no enlace de Boiro Vilariño

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2024

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta iniciará este vindeiro luns, 1 de xullo, se as condicións meteorolóxicas o permiten, a primeira fase das obras de renovación do pavimento na Autovía AG-11 do Barbanza.

Esta primeira fase do reforzo do firme, que se executa en cumprimento das obrigas da sociedade concesionaria dentro do contrato de concesión de obra pública, consistirá na reparación de puntos ou zonas singulares.

Realizarase este tipo de actuación onde se identifique un deterioro acentuado, mediante fresado e reposición con diferentes profundidades en función do estado e situación da zona. Nunha fase posterior, unha vez rematados estes traballos, disporase unha nova capa de rodaxe.

Con motivo das obras, produciranse afeccións ao tráfico, e para os primeiros días de xullo (entre o 1 e o 4) a previsión é actuar con reparacións puntuais no enlace de Pobra Norte, en concreto no ramal de conexión da AG-11 coa AC-305, onde se dará tráfico alternativo debidamente regulado, e tamén nos ramais da marxe dereita, onde se establecerán itinerarios alternativos polos enlaces anterior (Boiro) e posterior (Pobra Sur).

Por outra banda, entre os días 5 e 8 de xullo realizaranse actuacións de reparación puntuais no enlace de Pobra Sur, no ramal de conexión da AG-11 coa AC-305. Darase tráfico alternativo debidamente regulado.

E os días 9, 10 e 15 de xullo están previstas actuacións de reparacións puntuais no enlace de Boiro Vilariño. Afectarán aos catro ramais do enlace, polo que se establecerán os itinerarios alternativos polos enlaces anterior (Taragoña) e posterior (Boiro Espiñeira).

Data de actualización: 29/06/2024