A Xunta avoga por unha innovación inclusiva e sostible capaz de reducir fendas e mellorar a calidade de vida

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou nun evento no marco das actuacións do programa ONCE INNOVA, onde puxo en valor a importancia de impulsar iniciativas innovadoras que sexan quen de “construír un futuro máis sostible e equitativo”

Subliña a aposta do Goberno galego por unha innovación que actúa como motor de reforzo da modernización e diversificación da economía e polo fortalecemento dos ecosistemas de innovación en Galicia, para asegurar que sexan inclusivos e sostibles

Destaca a nova área de innovación empresarial do Igape, centrada na creación de empresas, na transferencia de tecnoloxía ao tecido produtivo, na captación de fondos ou nas estratexias de internacionalización da innovación

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2024

A directora do Igape, Covadonga Toca, asistiu hoxe a un evento centrado na innovación inclusiva levado a cabo en Santiago no marco das actuación do programa ONCE INNOVA, un escenario no que avogou por unha “innovación inclusiva e sostible” capaz de “reducir fendas e mellorar a calidade de vida das persoas”.

 

“A innovación ten o poder de transformar a vida das persoas. Ao aproveitar o seu potencial podemos construír un futuro máis sostible e equitativo para todos”, incidiu Toca Carús, resaltando as posibilidades que as novas tecnoloxías e a aposta pola vangarda ofrece de cara a “mellorar os servizos para a poboación e garantir que ninguén se quede atrás”.

 

A directora do Igape resaltou o “papel crucial” que a administración pública xoga no desenvolvemento desta innovación inclusiva, deseñando e implementando políticas públicas que promovan prácticas innovadoras e sostibles, financiando con liñas de apoio e incentivos fiscais este tipo de innovación, apostando pola formación e capacitación e regulando a participación de diferentes actores no ecosistema de innovación.

 

“Este é o compromiso da Xunta, que traballa nestes retos desde hai anos, apostando por un ecosistema concreto, capaz de conxugar a posta en marcha de novas iniciativas coa innovación para actuar como motor de reforzo da modernización e diversificación da economía de Galicia”, afondou Toca Carús.

 

Neste sentido, a directora do Igape destacou a aceleradora Galicia Avanza para a internacionalización das pemes; ViaGalicia, aceleradora de proxectos innovadores que acolle propostas de todos os sectores produtivo; ou a rede galega de business factories que inclúe alimentación (BFFood), automoción (BFAuto), aeronáutico (BFAero), e a economía circular (Clima Tech).

 

Por último, a directora do Igape resaltou tamén a nova área de innovación empresarial do Instituto, centrada na creación de empresas, na transferencia de tecnoloxía ao tecido produtivo, na captación de fondos ou nas estratexias de internacionalización da innovación. “Esta área responde á aposta decidida pola innovación e o talento, entendidos como elementos fundamentais para impulsar unha verdadeira transformación social, capaz de mellorar as nosas condicións de vida”, sinalou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/06/2024