O presidente da empresa pública encabezou hoxe unha reunión telemática con representantes de máis dun cento de entidades locais

A Xunta informa aos concellos da proposta de revisión do canon de Sogama para 2024 e avanza que a achega do Fondo de cooperación se acompasará á facturación

A previsión é que en xullo se envíen as facturas do primeiro semestre do ano e que as administracións locais reciban en paralelo a compensación correspondente

Explica que a actualización do importe terá que ser ratificada aínda pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e o Consello de administración da empresa

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia mantivo hoxe unha reunión telemática con representantes municipais de máis dun cento dos concellos que actualmente envían os seus residuos a Sogama co obxectivo de explicarlles a proposta de actualización do canon para 2024 e resolver as súas posibles dúbidas, incidindo, sobre todo, no Fondo de cooperación local adicional habilitado para paliar o impacto da posible revisión e cuxo pago se acompasará á facturación dos recibos deste ano.

O presidente da empresa pública, Javier Domínguez, acompañado doutros membros do seu equipo e do secretario xeral técnico e do Tesouro da Consellería de Facenda e Administración Pública, David Cabañó, lembrou durante a súa intervención que a proposta de actualización do canon responde ás decisións do Goberno central adoptadas no último ano e medio e que están a ter un grande impacto económico no custo do servizo que presta Sogama.

En todo caso, tal e como se avanzara xa tras a reunión do Consello de Administración da empresa pública do pasado martes, a Xunta transferirá 9 millóns de euros ás 295 entidades locais adheridas co fin de minimizar o impacto da medida nas súas contas.

Segundo explicaron durante a xuntanza telemática, esta achega farase a través dun pago único aos concellos que se distribuirá conforme á poboación de cada entidade local e se abonará no mes de xullo, a fin de acompasalo á facturación dos recibos correspondentes ao primeiro semestre do ano. Deste xeito, as administracións locais poderán dispoñer destes fondos no momento en que teñan que abonar a Sogama as facturas pola xestión e o tratamento dos seus residuos.

Cómpre lembrar que a proposta de revisión do canon para 2024 obedece ao encarecemento do custo do servizo que supuxo para a empresa pública a entrada en vigor de novos impostos estatais e outras decisión adoptadas polo Executivo central.

En concreto, o novo tributo estatal á vertedura e á incineración, en vigor desde xaneiro de 2023 e contra o que a Xunta presentara no seu día alegacións, supuxo un desembolso para Sogama de 9,1 millóns de euros o ano pasado; ademais, a empresa tivo que abonar 2,9 millóns pola recuperación do imposto estatal do valor da enerxía eléctrica.

A estas contías hai que engadir tamén o feito de que en xullo de 2023 o Goberno central eliminou a retribución que viña percibindo Sogama polo investimento realizado na súa planta termoeléctrica, unha instalación de última xeración e que aplica no seu proceso de combustión unha tecnoloxía na que prima a eficiencia e a sustentabilidade.

Por este motivo e tendo en conta que o sobrecusto do servizo en 2023 para a empresa pública galega se traduciu nun total de 21,9 millóns de euros —asumidos integramente pola empresa—, propúxose que o importe medio a pagar este ano por parte dos 295 concellos que envían os seus residuos a Cerceda quede fixado en 66 euros por tonelada, descontada xa a achega da Xunta ás entidades locais a través do Fondo de cooperación local adicional e que se traducirá nun desconto de 12 euros/tonelada.

A decisión sobre esta actualización, en todo caso, aínda non é definitiva. Unha vez coñecida a proposta, abriuse un prazo de 10 días hábiles para que a Federación galega de municipios e provincias presentara as súas alegacións.

Transcorrido ese prazo, o Consello de Administración de Sogama volverá reunirse para facer a súa proposta á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático que, previo informe do departamento de Facenda e Administración Pública, aprobará o novo canon para este ano.

Data de actualización: 28/06/2024