A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou a tenda ‘Míster Baby’ en Pontevedra na que as familias poden facer uso desta tarxeta

As familias poden empregar agora a Tarxeta Benvida desde a semana 21 de embarazo

O Goberno galego incrementou esta semana o crédito da Tarxeta Benvida ata os 35,5 millóns de euros para atender a todas as familias que reúnen cos requisitos

Pontevedra, 29 de xuño de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá a tenda de puericultura Míster Baby, na cidade de Pontevedra, onde lembrou que as familias poden empregar a Tarxeta Benvida para mercar os produtos básicos tras o nacemento dun bebé desde a semana 21 de embarazo. É unha das novidades incluídas este ano polo Goberno galego neste programa que conta con oito anos de traxectoria.

A conselleira destacou que o Goberno galego segue mellorando a Tarxeta Benvida atendendo ás necesidades das familias. Neste sentido, sinalou que a Xunta é consciente de que nos meses previos ao nacemento as familias teñen que facer un importante desembolso para mercar carriños, berces ou roupa, polo que se facía necesario que xa puideran contar con este apoio económico durante os embarazo. 

Máis de 100.000 familias galegas teñen desfrutado desta tarxeta desde a súa creación, no ano 2016. Trátase dun apoio económico de 1.200 euros durante o primeiro ano de vida do neno, que se pode incrementar no caso de familias numerosas ou que vivan no rural. O Goberno galego aprobou esta mesma semana un incremento do crédito dispoñible ata os 35,5 millóns de euros para atender a todas as familias que reúnen os requisitos.

Axudas a familias

O Goberno galego apoia ás familias para que poidan formar unha familia coas mínimas preocupacións económicas. Ademais da Tarxeta Benvida, impulsou a gratuidade de todas as escolas infantís de 0 a 3 anos, que supón un aforro de 3.000 euros ao ano para os pais; as casas niño, para a creación de servizos de conciliación tamén nos concellos do rural; ou o Bono Concilia Familia, que ofrece apoio económico para a contratación de servizos de conciliación durante etapas non lectivas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/06/2024