A Xunta restablece desde o 1 de xullo as paradas nas parroquias de Carnoedo e Veigue en catro servizos de autobús que conectan Sada e a Coruña de luns a venres

Os servizos das 07,30 horas e as 08,30 horas recuperan a saída desde Sada e os que saen ás 06,30 e ás 22,00 horas de Entrexardíns prolónganse de Lorbé a Sada

Incorpórase un novo servizo ás 09,30 horas co mesmo percorrido que reforza a conexión A Coruña-Sada nesa franxa horaria

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2024

A Xunta restablece desde o luns 1 de xullo as paradas nas parroquias de Carnoedo e Veigue en catro servizos de autobús que conectan Sada e A Coruña de luns a venres.

O traballo de seguimento levado a cabo pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes tras a reestruturación dos servizos de transporte público no corredor A Coruña-Oleiros-Sada que se puxo en marcha o 22 de xuño, con máis de 130 servizos adicionais á semana entre A Coruña e Lorbé, en Oleiros, permitiu detectar un desaxuste en catro frecuencias que funcionan de luns a venres, así como a posibilidade dun novo servizo entre A Coruña e Sada.

As necesidades detectadas resólvense xa a partir do 1 de xullo, coa reactivación do percorrido entre Sada e Lorbé, en ambos os dous sentidos, de catro servizos que conectan con Entrexardíns.

Os servizos das 07,30 horas e das 08,30 horas recuperan a saída desde Sada e as paradas ao longo das parroquias de Carnoedo e Veigue, para continuar ata Entrexardíns.

Desde A Coruña, volven chegar ata Sada o servizo con saída de Entrexardíns ás 06,30 horas e o das 22,00 horas, co mesmo percorrido polas parroquias do norte de Oleiros e Sada. Ademais, refórzase esta conexión cun novo servizo ás 09:30 horas.

A información relativa aos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

Data de actualización: 28/06/2024