A Xunta reforza a formación do Campus de igualdade laboral con arredor de 6.000 persoas usuarias

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, reuniuse co persoal docente deste campus a través do que se teñen emitido desde o 2021 preto de 9.400 certificados de aproveitamento de case un cento de cursos e obradoiros

A xuntanza serviu para facer balance do acadado ata agora e para abordar as accións formativas do segundo semestre deste ano, así como para avanzar na planificación de 2025 barallando incorporar novidades como aplicacións participativas

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2024

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, mantivo un encontro co equipo docente do Campus formativo en igualdade laboral impulsado pola Xunta, que rolda as 6.000 persoas usuarias. Delas, destacou que preto de 4.000 certificáronse nun ou máis cursos desde a posta en marcha da iniciativa no pasado ano 2021.

En total, segundo se puxo sobre a mesa na xuntanza, téñense emitido preto de 9.400 certificados de aproveitamento de cursos e obradoiros ao abeiro do campus online, máis de 1.300 deles no primeiro semestre deste 2024.

Tal e como salientou o secretario xeral, as formacións inciden na igualdade laboral, na prevención e tratamento do acoso por razóns de sexo ou na protección integral da liberdade sexual e da integridade moral no traballo. Tamén tratan a fenda salarial entre mulleres e homes, a inclusión e diversidade no ámbito laboral, a corresponsabilidade ou a conciliación.

Pablo Fernández aproveitou a reunión para reafirmar o compromiso do Goberno galego con este espazo dixital de teleformación que pretende dotar de ferramentas de calidade -de xeito totalmente gratuíto- a empresas, a persoas formadoras e usuarias, ás que se lles ofrece información, formación e sensibilización para conseguir o reto de pasar da igualdade legal á real.

Nesa liña, ademais de facer balance do acadado ata o de agora con preto dun cento de accións formativas e de abordar o programa previsto para o segundo semestre deste ano, avanzouse na planificación de 2025 barallando incorporar novidades como aplicacións participativas que permitan introducir axustes ou melloras nas formacións a través das impresións que traslade o persoal docente do campus.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/06/2024