O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración interviu hoxe na Coruña na clausura do curso académico de EFBS Grupo Educativo da promoción 2023-24

José González destaca a importancia de apoiar á mocidade e apela a unha formación para o emprego de calidade axustada á demanda das empresas

O titular da Consellería sinalou que as novas xeracións son clave para que Galicia continúe co seu crecemento no eido laboral e siga a ser unha terra próspera

Referiuse a importancia de dar unha solución ás vacantes de traballo con medidas como a ferramenta Emi baseada na intelixencia artificial

Sinalou que o Goberno galego está a apoiar á mocidade na busca do seu primeiro emprego con iniciativas como as axudas do programa Primeira experiencia profesional

A Coruña, 29 de xuño de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, apelou hoxe á importancia da formación para o emprego de calidade para que Galicia siga a ser unha terra de oportunidades na súa intervención na clausura do curso académico e graduación do alumnado do máster e ciclos superiores de FP en Administración e Finanzas e Márketing e Publicidade 2023-24 da Escola de Finanzas Business School (EFBS) Grupo Educativo.

No acto, José González sinalou que as novas xeracións son o futuro de Galicia para seguir facendo da comunidade galega unha terra próspera e chea de oportunidades laborais e, por iso, indicou que o Goberno galego está a apoiar á mocidade con diferentes iniciativas para facilitarlles a busca dun primeiro emprego. Neste senso, referiuse a que a formación para o emprego debe estar axustada aos perfís que demandan as empresas para que ese camiño de atopar un primeiro traballo sexa máis doado e para dar solución tamén ás vacantes que existen no mercado laboral, un problema estrutural de Galicia e España.

Indicou que a Xunta de Galicia, da man do tecido produtivo, está a buscar solucións potenciando medidas, como as microformacións, e implementando novas para que as persoas que desexen traballar en Galicia atopen un emprego acorde ás súas capacidades e habilidades e ao que demandan as compañías. Neste senso, tamén aludiu á ferramenta Emi, de intelixencia artificial, para casar oferta con demanda e avanzar na cobertura destas vacantes, favorecendo a ocupación das persoas que estean buscando un emprego o desexen mellorar o que ten.

Trátase dun software, pioneiro en España e Europa, unha ferramenta que a través dun perfilado competencial busca localizar o mellor talento e que as persoas que recorran a el poidan consolidar a súa traxectoria profesional. O obxectivo é que nun ano poidan beneficiarse deste perfilado unhas 70.000 persoas.

Primeira experiencia laboral

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración tamén nomeou o programa de Primeira experiencia profesional co que a Xunta ofrece axudas ás empresas para a contratación de menores de 30 anos e puxo en valor a Rede de polos de emprendemento con 13 centros en activo en Galicia nos que xa se prestou asesoramento a máis de 2.000 proxectos, sinalándoa como unha das razóns polas que Galicia vén de ser recoñecida como Rexión Emprendedora Europea 2025.

González, por último, tras felicitar aos alumnos graduados e aos membros e presidente de EFBS Grupo Educativo, Venancio Salcines, indicou que a formación de calidade xunto coa perseverancia e o empeño son sinóminos de éxito polo que animou ás alumnas e alumnos a seguir traballando ata que o bo sexa mellor e o mellor excelente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/06/2024