A Xunta é galardoada pola creación do Consello galego de seguridade industrial

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2024

 O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, recolleu hoxe un premio que recoñece o compromiso da Xunta coa creación do Consello Galego de Seguridade Industrial que se constituirá a vindeira semana. O secretario xeral recibiu o galardón durante a celebración dunha Gala benéfica organizada polo Colexio de Mediadores.

O Consello Galego de Seguridade Industrial funcionará como canle de comunicación entre os axentes públicos e as entidades privadas e articulará medidas para a prevención e a mellora de riscos nas instalacións industriais, ademais de analizar posibles melloras dos contratos de aseguramento nas industrias, entre outras cuestións.

A seguridade industrial comprende aquelas actividades de prevención e limitación de riscos, ou protección contra accidentes e sinistros que poden producir danos e perdas ás persoas, os bens ou o medio ambiente, derivados da actividade industrial ou do uso, funcionamento e mantemento das instalacións ou dos equipos e da produción, almacenamento ou refugallo de produtos industriais.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/06/2024