A Xunta subliña que seguirá traballando para lograr unha Galicia máis verde e sustentable

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández, clausurou as XIV Xornadas Técnicas Enermar: O Mar e as Enerxías Renovables

A Coruña, 28 de xuño de 2024

 O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, subliñou hoxe que o compromiso da Xunta é seguir traballando para lograr unha Galicia máis verde e sustentable.

O director xeral clausurou as XIV Xornadas Técnicas Enermar: O Mar e as Enerxías Renovables onde sinalou que Galicia aspira a seguir sendo un referente na eólica terrestre, pero tamén na mariña, pois o sector enerxético agora mira ao mar.

Neste senso, Fernández Vila explicou que Galicia aspira a ser un referente neste eido pero garantindo sempre a compatibilidade cos recursos pesqueiros, co medio mariño e co medio ambiente, e incidindo na repercusión dos beneficios sociais e económicos que se teñen que quedar no territorio.

Neste senso, lembrou que a Xunta presentou alegacións ao Real Decreto polo que se regula a produción de enerxía eléctrica en instalacións situadas no mar cun total de 16 propostas que se elaboraron tendo en conta as presentadas polos sectores pesqueiro e industrial, así como por parte de varios promotores e no marco do traballo que se vén realizando no Observatorio da eólica mariña de Galicia.

Xa con máis detalle, o director xeral explicou que para Galicia hai tres cuestións básicas que debe contemplar esta normativa: o proceso de diálogo público-privado, que debe ser obrigatorio e non opcional; a inclusión na orde pola que se vaia regular a convocatoria de concorrencia competitiva de medidas compensatorias para os sectores afectados; e por último a valoración dos criterios non económicos dos proxectos ten que supoñer un 50%, polo menos, da ponderación total, fronte ao máximo do 30% recollido actualmente no proxecto de Real decreto.

Pablo Fernández Vila tamén lembrou que a Xunta xa aprobou a ampliación da autorización para a ocupación do dominio público marítimo-terrestre da plataforma experimental de enerxías mariñas de Punta Lagosteira, localizada nas inmediacións do Porto Exterior da Coruña. O obxectivo é avanzar en novas oportunidades de desenvolvemento nun emprazamento que é un referente para os especialistas do sector, que ven na plataforma experimental un espazo cunhas condicións óptimas para os ensaios, as tarefas de instalación e mantemento dos dispositivos e mesmo para validar deseños, compoñentes e materiais, así como verificar a súa viabilidade técnica e económica.

A Comunidade galega é unha das rexións europeas con maior potencial de enerxías renovables mariñas polo que contar cunha área de ensaio onde desenvolver actividades que favorezan o desenvolvemento tecnolóxico e de estudios relacionados co medio mariño, a biodiversidade e os recursos enerxéticos renovables resulta fundamental para seguir avanzando nos eidos enerxético, medioambiental e socioeconómico.

Ademais, a Xunta agarda poñer en marcha unha segunda plataforma experimental para testar prototipos de eólica mariña flotante co obxectivo de afondar no coñecemento das novas tecnoloxías  e co convencemento de que as enerxías renovables formen parte do futuro mix enerxético para avanzar nos procesos de transición enerxética e descarbonización. Un proxecto que agarda polo apoio do Estado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/06/2024