Anxo Lorenzo pon en valor a traxectoria de Maribel Outeiriño pola súa faceta divulgadora da figura de Otero Pedrayo

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asiste á entrega da XLII edición dos Premios Trasalba e á reunión do Padroado da fundación do autor

Amoeiro (Ourense), 30 de xuño de 2024.- O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asistiu hoxe á entrega do Premio Trasalba, na que se presentou a obra Unha fada céltica, en homenaxe á xornalista galardoada, Maribel Outeiriño, onde participou na reunión ordinaria do Padroado da fundación Otero Pedrayo.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou a traxectoria profesional da galardoada nesta edición, así como o seu compromiso co Camiño de Santiago e a figura de Otero Pedrayo, a cuxa divulgación contribuíu. Fixo referencia, ademais, ao seu traballo como editora, difusora e compiladora dos artigos que o escritor ourensán publicou durante anos. Neste senso, o titular de Cultura quixo agradecer á fundación o labor de promoción que leva a cabo “ao poñer en valor un dos autores máis destacados da cultura galega”.

Antes desta entrega de galardóns, o representante da Xunta participou na reunión do Padroado da fundación na que se tiveron en conta as actividades realizadas durante o último ano e avanzaron as novas propostas entre as que se inclúen exposicións, edición de libros, xornadas instrutivas, premios de oratoria, podcast e fotografía, andainas ou visitas diversas.

Data de actualización: 30/06/2024